Galicia sitúase á cabeza da sinistralidade laboral malia o estado de alarma, denuncia CCOO

Malia que a comunidade autónoma ten aproximadamente o 5,3 % da poboación traballadora de todo o Estado, rexistra o 9,72 % dos sinistros laborais con resultado de morte
Publicado por o día 14/05/2020 na sección de CC.OO,Emprego,Sindicatos

Galicia sitúase á cabeza da sinistralidade laboral malia o estado de alarma, denuncia CCOO

Segundo o avance dos datos de sinistralidade do primeiro trimestre publicados polo Ministerio de Traballo, a tendencia continúa sendo a mesma que denunciaba CCOO o pasado 28 de abril, con motivo do Día Internacional da Seguridade e a Saúde no Traballo.

O número de accidentes mortais mantense moi elevado, incluso coa aplicación do estado de alarma, que provocou a paralización de boa parte da actividade. Nos tres primeiros meses do ano, os datos son significativamente peores ca no mesmo período do 2019: perderon a vida durante a xornada de traballo 144 persoas, 35 máis que o ano pasado (+32,1 %). Xa desde que comezou o estado de alarma, a mediados de marzo, producíronse catorce accidentes mortais, tres máis ca no mesmo período do ano anterior.

A tendencia nos accidentes mortais in itinere (desde ou cara ao lugar de traballo) tamén se incrementou un 19,4 % na primeira parte do ano, cun total de 37 falecidos, seis máis ca no mesmo período do 2019. Desde o 14 de marzo, día da declaración do estado de alarma, cinco persoas perderon a vida nun accidente in itinere, unha menos ca no primeiro trimestre do ano pasado.

Datos inasumibles en Galicia

En Galicia, os datos seguen a tendencia do resto do Estado e hai que lamentar catorce accidentes mortais en xornada de traballo e un in itinere no primeiro trimestre deste 2020. Así as cousas, Galicia, que o 31 de marzo representaba o 5,3 % da poboación traballadora de todo o Estado, rexistra o 9,72 % dos sinistros laborais con resultado de morte.

Para o secretario de Saúde Laboral de CCOO, Roi Fernández, estes datos son «inasumibles como clase traballadora e como sociedade». A elevada sinistralidade laboral, xunto coas carencias «que se fixeron patentes» nesta crise sanitaria, revelan «a debilidade do noso sistema preventivo», tal como leva denunciando o sindicato desde hai anos. Por esta razón, o sindicalista esixe a «revisión e mellora» das políticas na prevención de riscos laborais, que ha ser un «eixe central no necesario cambio de modelo social, nun escenario de activación da economía e do noso tecido produtivo».

Comentar noticia

Your email address will not be published.