Galicia sitúase como a terceira comunidade con menor débeda autonómica por habitante

Un cidadán galego debe hoxe 2.000 euros menos que o resto de españois
Publicado por o día 30/09/2018 na sección de Economía,Galicia

Galicia sitúase como a terceira comunidade con menor débeda autonómica por habitante

Galicia é a terceira comunidade con menor débeda autonómica por habitante no segundo trimestre do ano, só por detrás de Canarias e Andalucía. A consecuencia da xestión prudente da Xunta, Galicia mellorou a súa posición–no peche de 2017 estaba en quinto lugar- e cada galego debe hoxe 2.036 euros menos que o resto de cidadáns españois.

Segundo os datos do Banco de España, cada galego debe 4.272 euros de débeda autonómica, fronte aos 10.478 euros que debe cada cidadán en Cataluña ou os 9.366 euros que debe cada cidadán da Comunidade Valenciana.

O control da débeda pública é unha das bases do modelo de crecemento san que defende a Xunta de Galicia, e é froito da progresiva redución do déficit que vén acadando o Goberno galego nos últimos anos. De feito, a previsión do Goberno galego é que a ratio de endebedamento –situada no 18,6%– continúe baixando ata o peche do exercicio, o que confirma que este indicador está totalmente estabilizado en Galicia desde o ano 2014.

Neste sentido, os datos do Banco de España publicados esta semana mostran que Galicia continúa entre as comunidades autónomas de referencia no control do seu endebedamento, froito do control da estabilidade orzamentaria que vén realizando a Xunta. Así, Galicia baixou medio punto o seu endebedamento público no segundo trimestre do ano, cun descenso de 201 millóns de euros no seu volume global e sitúase como a quinta comunidade con menor endebedamento de España, a terceira se se exclúen as comunidades de réxime foral.

A ratio de débeda/PIB de Galicia situouse no 18,6%, cinco décimas por debaixo da rexistrada no primeiro trimestre (19,1%) e catro décimas por debaixo da rexistrada no mesmo período do ano anterior (19,0%). Ademais, o diferencial positivo de Galicia respecto á media autonómica (24,7%) aumenta ata os 6,1 puntos, cando a peche do exercicio 2008 estaba igualado á media.

A xestión rigorosa da Administración galega ten evitado que Galicia emitise uns 3.800 millóns de euros, xa que Galicia continúa sendo a comunidade autónoma que menos aumentou o seu volume de débeda nos últimos dez anos.

DÉBEDA AUTONÓMICA POR HABITANTE (EN EUROS) CCAA de réxime foral