Galicia sitúase entre as nove comunidades autónomas que superan os 40 doantes por millón de habitantes, tres punto por riba da media nacional, pese ás dificultades pola pandemia

A cifra de transplantes de pulmón foi a mais alta en Galicia desde que comezou o programa no ano 1999
Publicado por o día 18/01/2021 na sección de Sanidad,Salud

O Servizo Galego de Saúde acadou, no pasado ano, unha cifra de 110 doazóns de órganos e mantivo en 328 a cifra de transplantes de órganos nos seus hospitais, uns datos moi destacables, tendo en conta a actual pandemia de Covid. Así mesmo, resulta especialmente salientable o feito de que o número de transplantes de corazón feitos en Galicia foi o máis alto a nivel nacional, e o número de transplantes de pulmón foi o mais alto en Galicia desde que comezou o programa no ano 1999 e o segundo do Estado.

Estes datos foron dados a coñecer hoxe, en rolda de prensa, na que estivo presente o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas; a directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López García; e a coordinadora autonómica de transplantes, Encarnación Bouzas Caamaño.

Do total de transplantes, 141 foron de ril; dos cales 17 procedían de doante vivo, 103 de fígado, 2 de páncreas, 29 de corazón e 53 de pulmón. Salientar que, desde que se realizou o primeiro transplante, no ano 1981, ata o 31 de decembro de 2020, xa se levan feitos en Galicia un total de 8.623 transplantes de órganos.

Transplantes de órganos
Ano 2019
Ano 2020
Ril
176
141
Fígado
115
103
Páncreas
2
2
Corazón
20
29
Pulmón
41
53
Total
354
328

Os resultados do ano 2020 poñen de manifesto o enorme traballo dos nosos profesionais sanitarios xa que, pese a estar na primeira liña de loita contra a covid, seguiron traballando na procura de doazóns e, polo tanto, transplantes para os nosos doentes.

Doadores de órganos

O número de doadores de órganos cadáver en Galicia situouse en 110 (71 na provincia da Coruña, 7 na de Lugo, 7 na de Ourense e 25 na de Pontevedra); dato que supón que haxa unha taxa 40,7 doantes por millón de habitantes, tres puntos por riba da media nacional.

No que atinxe ás causas de morte dos doantes, os motivos principais foron os accidentes cerebro vasculares (65%), seguidos da encefalopatía anóxica por parada cardíaca, e dos traumatismos cráneoencefálicos por accidentes non de tráfico, sendo a porcentaxe de doadores por accidente de tráfico de tan só un 5,5%. Con respecto á idade media do doador, foi de 60,7 anos.

Deste xeito, desde o ano 1981, data do inicio do programa de transplantes en Galicia, ata o pasado 2020, en Galicia téñense rexistrado preto dos 3.000 doantes de órganos.

Índice en descenso

A porcentaxe de negativas familiares situouse o pasado ano nun 19,7%, o que confirma a tendencia descendente das mesmas, a pesar do pequeno repunte producido. Así mesmo, salientar que, actualmente, en Galicia 118.006 persoas teñen a tarxeta de doador de órganos. Destas, 2.184 son novas tarxetas rexistradas no 2020 pola Coordinación de Transplantes de Galicia de ADOS.

Polo que se refire á doazón de medula ósea, salientar que Galicia rexistrou 928 novos doadores. Deste xeito, Galicia conta con 12.458 doadores rexistrados. Hai que destacar o número importante de rexistros pese ás limitacións debidas á pandemia de Covid.

Programa educativo

Doutra banda, sinalar que a Coordinación de Transplantes de Galicia realizou 52 charlas a escolares no curso académico 2019-2020, para fomentar a doazón, e nas que tomaron parte un total de 2.487 escolares. Así mesmo, desenvolveuse o Plan Proxecta: Educando en Valores, que abrangueu a 575 escolares e 26 docentes.

Ademais, fallouse, no pasado curso escolar, o V Concurso Universitario de Curtametraxes sobre doazón e transplante de medula ósea, e o II Concurso de Carteis relacionado coa Doazón e os Transplantes para estudantes de 1º e 2º de ESO.

Actividade formativa

A Coordinación Autonómica de Transplantes de ADOS continuou a realizar, ao longo do pasado ano, o programa de formación especializado en doazón e transplante de órganos para os profesionais do sistema público de saúde de Galicia, mediante o desenvolvemento de seminarios de comunicación de malas noticias no proceso de

doazón con formación a 63 profesionais sanitarios e cursos sobre proceso de doazón e transplantes, onde xa levamos formados a máis de 1.700 profesionais en 104 cursos.

Salientar, ademais, unha xornada sobre intervención xudicial en doazón de órganos en asistolia controlada, onde participaron integrantes do colectivo xudicial, médicos forenses, membros dos comités de ética asistencial, coordinadores de transplantes e responsables das unidades de coidados intensivos e urxencias, así como o terceiro curso de doazón e transplantes para MIR de primeiro ano en todos os hospitais galegos, e no que tomaron parte máis de 200 profesionais.

O Servizo Galego de Saúde e a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) queren facer un recoñecemento público aos doadores e ás súas familias, pola valentía, a fortaleza e a xenerosidade que amosan neses momentos difíciles. Tamén queren agradecer ao conxunto da sociedade e dos profesionais dos hospitais galegos, xa que son os que posibilitan que as cifras de transplante se manteñan en Galicia.