Galicia sitúase como a segunda potencia nacional en produción de carne de coello con preto de 15.000 toneladas anuais

Unha de cada catro toneladas producidas en España procede de Galicia, que contabiliza máis de un millón de animais e 264 explotacións
Por o 27/12/2017 | Sección: Alimentación
Galicia sitúase como a segunda potencia nacional en produción de carne de coello con preto de 15.000 toneladas anuais

Galicia sitúase como a segunda potencia nacional en produción de carne de coello, só superada por Cataluña. Segundo datos do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (Mapama), na nosa autonomía prodúcense anualmente preto de 15.000 toneladas, cifra que unicamente supera, por pouco, a comunidade catalá. En terceira posición sitúase Castela e León, con pouco máis de 10.000 toneladas/ano. Deste xeito, unha de cada catro toneladas de carne de coello producidas en España procede de Galicia.

Ademais, as estatísticas do Ministerio constatan que o crecemento da produción do sector cunícola galego é sostida nos últimos anos. Así, comparando os datos da última década, rexístrase un incremento que supera o 68%, ao pasarse de 8.866 a 14.911 toneladas en dito período.

En total, España produce anualmente arredor de 60.000 toneladas de carne de coello, cantidade que se mantén, con lixeiras variacións, nos últimos anos. Por comunidades autónomas, Galicia, xunto con Cataluña e Castela e León, achegan o 67% da produción nacional. A nosa comunidade representa o 25% do total.

Se contabilizamos o censo de animais por autonomías, Galicia baixa ao terceiro posto, con 1.090.964 coellos, fronte os 1,4 millóns de Cataluña e unha cifra semellante de Castela e León. No censo total de España rexístranse 6,2 millóns de exemplares de coellos.

Por último, segundo o número de granxas dadas de alta no rexistro nacional de explotacións gandeiras (Rega) a data de un de xaneiro de 2017, a nosa comunidade ocupa o sexto posto nacional, cun total de 264 granxas, a maior parte delas correspondentes a produción de gazapos para carne. En toda España o número de explotacións é de 3.468, sendo Cataluña a que máis granxas ten, xa que contabiliza 756 en total.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.