Galicia subvencionará iniciativas de profesionais sanitarios, investigadores e grupos de investigación do sistema público de saúde para avanzar na loita contra a covid-19

A Consellería de Sanidade publica, no Diario Oficial de Galicia de hoxe, a orde de axudas do Programa Traslaciona. COVID19, unha liña de axudas por valor de 500.000 euros, xestionada pola Axencia de Coñemento en Saúde (ACIS), que subvencionará proxectos de investigación orientados á mellora do diagnóstico, prevención ou tratamento da Covid-19. Esta iniciativa é un paso máis do Sistema Público de Saúde de Galicia para aproveitar o coñecemento que nace coa crise sanitaria da Covid-19 e para impulsar aqueles traballos que suporán avances neste eido.

O Programa Traslaciona está aberto para profesionais sanitarios, investigadores e grupos de investigación que desenvolven o seu labor no Sistema Público de Saúde de Galicia. Serán obxecto de subvención os proxectos que vencellados a actividades de prevención, diagnóstico ou tratamento da Covid-19, en xeral aqueles relacionados con algunha destas liñas de traballo:

-Técnicas de diagnóstico virolóxico rápido e aplicables á asistencia sanitaria.

-Detección e destrución do virus, sistemas de desinfección masivos, etc.

-Desenvolvemento de terapias innovadoras, novas moléculas antivirais, antisépticos e desinfectantes fronte al SARS-CoV-2019 (SARS-2).

-Caracterización do virus SARS-CoV-2019 (SARS-2), coñecemento da variación xenética e antixénica do SARS-CoV-2019 (SARS-2) así como da resposta inmunolóxica ao virus SARS-CoV-2019 (SARS-2) e da interacción virus-hóspede.

-Impacto socio-económico da enfermidade COVID-19.

-Análise das consecuencias clínicas da enfermidade COVID-19.

-Intelixencia artificial e análise masiva de datos integrados orientados ao control epidemiolóxico da enfermidade COVID-19, a coñecer en tempo real a dispoñibilidade de recursos sanitarios ou diagnósticos por imaxe, e a mellorar a resposta cidadá ante a crise sanitaria.

As solicitudes deben presentarse por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: http://sede.xunta.gal.

Para calquera consulta relacionada con esta liña de axudas as persoas interesadas poden contactar a través do mail: Investigación.acis@sergas.es ou nos teléfonos: 981 568 054 / 981 568 066. O prazo de presentación de proxectos finalizará o día 29 de xullo.

Esta liña de axudas nace froito da necesidade de impulsar iniciativas efectivas para a loita contra a Covid-19, obxectivo prioritario da Xunta de Galicia, e de apoiar aqueles proxectos de investigación, ideas e iniciativas que xurdiran durante a situación de emerxencia sanitaria, froito do coñecemento e da experiencia. Fomentar a investigación axudará a conter o impacto de futuros brotes e fomentar a investigación de base sobre a enfermidade permitirá anticiparse e desenvolver tratamentos e vacinas que impidan novos escenarios de contaxios xeneralizados.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM