Galicia suma tres meses consecutivos reducindo as cifras de desemprego e sitúase como a terceira comunidade na que máis baixa no mes de xullo

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, valorou esta mañá a evolución do paro en xullo, no que a Comunidade reduce o número de desempregados un 5,06%, unha media de 300 persoas ao día
Publicado por o día 04/08/2020 na sección de Emprego,Xunta de Galicia

Galicia suma tres meses consecutivos reducindo as cifras de desemprego e sitúase como a terceira comunidade na que máis baixa no mes de xullo

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, valorou esta mañá a evolución do paro rexistrado no mes de xullo, datos que confirman a tendencia iniciada no mes de maio, ao sumar tres meses consecutivos reducindo as cifras de desemprego, un período no que xa se logrou recuperar o 64% do emprego destruído nos meses de marzo e abril debido á crise da covid-19. As afiliacións medran tamén por terceiro mes consecutivo e Galicia logra superar, de novo, o millón de cotizantes.

En Galicia diminúe o desemprego en xullo nun 5,06% con respecto ao mes de xuño, o que supón 9343 persoas menos no paro (300 persoas ao día) e segue situándose a niveis inferiores aos de hai 11 anos. Este dato sitúa Galicia como a terceira Comunidade -en termos relativos- na que máis se reducen as cifras do paro, superando en preto de tres puntos a baixada a nivel nacional. O paro tamén baixou nas catro provincias, en concreto un 6,19% en Pontevedra, un 5,29% en Lugo, un 4,49% na Coruña e 2,96% en Ourense. Galicia volve reducir as cifras do paro en todos os sectores de actividade encabezando este descenso os servizos (-5,90%), seguidos da construción (-5,49%), a industria (-4,82%) e a agricultura e a pesca (-3,60%). De feito, a baixada nos servizos concentra o 81% da redución do paro neste mes. En xullo a contratación volve subir un 58,80% grazas á sinatura de 31.993 contratos máis que en xuño.

En canto ás afiliacións medias, medran en xullo o 1,93%, por riba da media estatal que se sitúa no 0,87%. Galicia suma 19.026 cotizantes -a un ritmo de máis de 600 ao día- e sitúase nos 1.005.668 afiliados.

No tocante á evolución anual, Toca indicou que Galicia encadeaba seis anos consecutivos de baixadas interanuais nun mes de xullo, que se ven interrompidos polos efectos da covid-19. Así, Galicia suma 24.390 persoas máis desempregadas (un 16,16% máis que hai un ano), o 75% do sector servizos, onde se concentran 18.414 desempregados. Aínda así, nun contexto no que o paro internanual aumenta en todas as comunidades autónomas, Galicia é a terceira, en termos relativos, na que menos sobe, nove puntos por debaixo da media estatal que se sitúa nun 25,29%.

Apoio a autónomos e comerciantes

Toca destacou que o colectivo dos autónomos e dos comerciantes é un dos máis prexudicados polos efectos da crise da covid-19, polo que o Plan de reactivación económica reserva preto de 127M€ en axudas e medidas para recuperar a súa actividade e o emprego. Así, lembrou que o vindeiro xoves, 6 de agosto, remato o prazo de presentación de solicitudes para acceder ao Cheque Autónomo Seguimos Adiante. O programa, dotado con 16M€, ofrece financiamento ao 100% – cun límite de 1800 euros-, de gastos en loxística e transporte de envíos, pagos por estar nunha plataforma de e-commerce local, pola licenza de uso de software de venda online, gastos correntes de seguridade, ou de subministracións e telecomunicacións. Poderán efectuarse anticipos e cubriranse importes realizados desde a declaración do estado de alarma. A esta medida, únense outras iniciativas que xa se activaron como o Plan de dixitalización, Reactiva Comercio e Servizos Seguros ou a nova liña de microcréditos.

Comentar noticia

Your email address will not be published.