Galicia traslada ao Goberno central o valor socioeconómico da frota galega de bandeira británica para que se articulen medidas que garantan a súa operatividade ante o brexit

Os barcos de armadores galegos con bandeira británica que faenan en Gran Sol e operan en portos galegos descargaron neles o ano pasado preto de 7.000 toneladas de peixe fresco e conxelado cun valor económico en primeira venda duns 37 millóns de euros
Publicado por o día 03/09/2019 na sección de Mar

Galicia traslada ao Goberno central o valor socioeconómico da frota galega de bandeira británica para que se articulen medidas que garantan a súa operatividade ante o brexit

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, trasladou hoxe ao delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, a preocupación da frota de capital galego e bandeira británica ante o brexit e a súa importancia socioeconómica co obxectivo de buscar medidas para estar preparados de maneira que os efectos da saída de Reino Unido da Unión Europea sexan os menores posibles sobre a actividade económica do sector pesqueiro.

Así o expuxo Rosa Quintana nunha xuntanza mantida hoxe na Coruña con Javier Losada á que tamén asistiron a secretaria xeral técnica, Isabel Concheiro, e a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez. Nela a titular de Mar puxo de relevo a actividade dos arredor de 50 barcos con bandeira británica e de armadores galegos, dos que 30 faenan en Gran Sol e 20 traballan en augas das illas Malvinas. Neste senso, os primeiros fan as súas operacións de aprovisionamento e venda das capturas en portos galegos, descargando neles o ano pasado “preto de 7.000 toneladas de pesca fresca e conxelada cun valor económico en primeira venda duns 37 millóns de euros”, explicou a conselleira.

Nesta liña Rosa Quintana puxo como exemplo os portos de Celeiro e de Burela, onde a frota de armadores galegos con bandeira británica fai as súas operacións e nos que a actividade pesqueira é clave, polo que demandou ao delegado do Goberno a articulación de medidas, especialmente en relación a aspectos aduaneiros e de control hixiénico-sanitario, que permitan que estes buques poidan seguir operando desde estes peiraos. Esta petición faise tamén en virtude do seu alto impacto socioeconómico, toda vez que varios estudos cifran o impacto en emprego indirecto nuns catro postos de traballo en terra por cada un dos xerados a bordo.

Todas estas cuestións serán defendidas e expostas por Galicia tamén no marco da comisión especial creada polo Goberno central para abordar os temas do eido marítimo-pesqueiro en relación ao brexit. Nesta comisión específica están representados os axentes económicos e sociais e diferentes administracións, entre elas a Xunta de Galicia, que pediu participar de forma expresa. O obxectivo da Administración galega, explicou a titular de Mar, é “seguir traballando na protección dos intereses deste sector que para Galicia é fundamental e por en valor o esforzo que as empresas, armadores, mariñeiros e administracións involucradas estamos a facer”.

Pasos dados por Galicia

Galicia foi a primeira rexión europea en trazar unha folla de ruta co obxectivo de minimizar o impacto do brexit sobre os intereses pesqueiros. No ano 2016 a Xunta encargou ao Instituto Universitario de Estudos Europeos Salvador de Madariaga, da Universidade da Coruña un informe no que analizou as consecuencias do brexit para a pesca galega.

A este sumouse o realizado pola Universidade de Santiago de Compostela tamén por encargo da Xunta para analizar aspectos económicos como o posible impacto por cese da pesqueira e de acceso ás augas, principalmente dos buques que faenan en augas británicas e malvinas. Tamén se suma a opinión xurídica do director do Instituto Universitario de Estudos Europeos Salvador de Madariaga, José Manuel Sobrino, sobre a situación na que se atopa o proceso de retirada do Reino Unido da Unión Europea en perspectiva marítimo-pesqueira e que é previa ao informe final encargado pola Xunta sobre esta materia.

A maiores, Galicia está a aproveitar diferentes oportunidades para buscar rexións e estados membros aliados na defensa de intereses comúns. Un exemplo é o seminario que acolleu Santiago en febreiro de 2018 no que distintos países europeos puxeron en común a información de interese e sumaron argumentos para a defensa do mar nas negociacións do brexit.

Comentar noticia

Your email address will not be published.