O Galician Freaky Film Festival despídese por todo o alto e espera volver o ano que ven

O Galician Freaky Film Festival clausura a súa edición 0 conseguindo os seus principais propósitos: acercar e reivindicar o mundo friki galego
Publicado por o día 23/12/2017 na sección de Eventos,Galicia,Vigo

O Galician Freaky Film Festival despídese por todo o alto e espera volver o ano que ven

Despois de tres intensas xornadas coa exhibición de máis de 20 pezas audiovisuais galegas, dous concertos e diferentes actividades paralelas, o Galician Freaky Film Festival chega ó seu fin cos seus propósitos cumplidos.

Esta edición 0 deixa un balance moi positivo. A idea de organizar un certame destas características xorde das gañas de reivindicar un movemento que comezou nos anos 80 coa Movida Viguesa e grupos coma Siniestro Total e Os Resentidos,  continuou nos anos 90 co rock bravú e se consolidou co Xabarín Club.

Toda esa variedade artística inténtase plasmar no Galician Freaky Film Festival, un evento que busca ser máis ca un festival de cine misturando a proxección das obras audiovisuais con outros actos: a musicalización en vivo das obras de Segundo de Chomón, a creación dun mural en vivo, a representación dun set de rodaxe en directo e os concertos de Mad Martin Trio e Igmig.

Ó longo das tres xornadas o público estaba comprometido e desfrutou dos filmes e do resto das actividades. Tamén houbo un gran compromiso da crítica, que alabou a creación deste certame, e dos diferentes artistas implicados, que non agocharon o seu entusiasmo ó coñecer as intencións de proxectar os seus filmes no evento.

A posta en escena non se descuidou, xa que se tiveron en conta moitos detalles horteras e frikis para decorar a sala na que se levaron a cabo as proxeccións.

Dende o primero día a intensidade foi crecendo ata chegar á derradeira xornada que comezou cunha sorpresa en forma de performance terrorífica en Príncipe, e rematou coa proxección da obra magna do frikismo galego: A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos e coa festa de clausura no Mogambo, na zona de Churruca, a cargo dunha banda viguesa que non pecha as portas a ningún estilo musical: Igmig.

O Galician Freaky Film Festival espera dar continuidade cada ano a gran variedade artística que existe en Galicia mantendo sempre os mesmos valores e buscando unha accesibilidade do público total a través de actividades na rúa e prezos populares.