Galiza exponse a unha “bomba pandémica” se a Xunta non pecha xa as granxas de visón

Publicado por o día 23/01/2021 na sección de ADEGA,Coronavirus,Medio Ambiente,Salud,Sanidad,Social

Galiza exponse a unha “bomba pandémica” se a Xunta non pecha xa as granxas de visón

O primeiro surto de COVID-19 en granxas de visón americano en Galiza, o segundo no Estado, vén de acontecer nunha instalación da Baña. Fican evidentes os graves riscos para o ambiente e a saúde pública destas instalacións, polo que ADEGA reclama o peche inmediato de todas

A Xunta vén de facer público o primeiro surto de SARS-CoV-2 en granxas de visón Galiza, nunha instalación na Baña. Descoñecemos se afectou só aos animais ou tamén ás persoas, e se se trata dalgunha nova variante do virus. Como queira que sexa, é o segundo caso que acontece no Estado logo dun primeiro surto en Teruel en xullo pasado. En Europa, primcipalmente en Holanda e Dinamarca, foron numerosos os casos de coronavirus en granxas de visón que provocaron no caso danés o peche de todas as instalacións (1200 granxas) e o sacrificio de millóns de visóns. Mesmo chegáronse a documentar transmisións de visóns a humanos en granxas, e a aparición de novas cepas do virus para as que as actuais vacinas poderían non ser efectivas, o que convirte a estas instalacións nunha bomba pandémica en potencia.

A Xunta, outra volta de perfil fronte á problemática do visón americano

A Xunta sempre se amosou reacia a controlar e limitar a expansión gas granxas de visón. A súa permisividade fixo de Galiza un paraíso para este negocio cando en Europa moitos países establecían moratorias ou poñían data de caducidade a estas explotacións.

Xa en plena pandemia de COVID-19, a Xunta malia a ter competencias plenas en gandería, volveu descarregar no Estado a responsabilidade de tomar medidas nas granxas contra o coronavirus. Dende o pasado setembro aplica un programa estatal de prevención de COVID-19 nas granxas que só prescribe análises (control pasivo) se hai visóns con síntomas compatíbeis co COVID-19, ou algún dos operarios tivo un diagnóstico positivo. Así até novembro de 2020 das 26 granxas de visón galegas só se fixeran controis en 4 (todos negativos), malia que dende xullo os casos de COVID-19 en visóns disparáronse por toda Europa.

ADEGA reclamou daquela controis activos de COVID tando a animais como a persoas na totalidade (26 instalacións) das granxas galegas. Polo que informou a Xunta no seu comunicado deste xoves 21, houbo visitas a todas as granxas mais non aclara se as inspeccións incluiron tamén analíticas de COVID-19 a animais e operarios.

A única solución eficaz: peche preventivo de todas as granxas por alto risco sanitario

Para ADEGA o único xeito de desactivar con eficiencia a “bomba pandémica” que supoñen as granxas de visón americano é decretar a súa inmediata clausura. A Xunta debe exercer as súas competencias en medio ambiente e sanidade animal e resolver o peche cautelar destas instalacións. Pola súa banda, o goberno do Estado en aplicación das medidas extraordinarias derivadas do estado de alarma pola pandemia de COVID-19, pode en atención ao risco sanitario que representan, imitar o feito por Dinamarca e clausurar as granxas de visón.

Se non se toman estas drásticas medidas, que acontecerá de producírense fugas de animais de granxas infectadas? Como garantir que non van supoñer un foco de novas variantes do virus que poderían comprometer a eficacia dos programas de vacinación se chegan a saltar ás persoas?

Comentar noticia

Your email address will not be published.