Gañadores XII Certame Galego de Bandas de Música Populares e XII Concurso Galego de Composición

Organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares en colaboración coa Xunta de Galicia, o evento reuniu a 1300 músicos
Publicado por o día 03/11/2019 na sección de Cultura,Xunta de Galicia

Gañadores XII Certame Galego de Bandas de Música Populares e XII Concurso Galego de Composición

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, destacou o papel da música popular na promoción e difusión do patrimonio cultural da Comunidade na clausura do XIII Certame Galego de Bandas de Música Populares. Trátase dun encontro organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP) en colaboración coa Xunta de Galicia que reuniu durante dous días no Auditorio de Galicia a 1300 músicos de 21 formacións, das que 16 son galegas, catro portuguesas e outra de Castela e León.

No acto de clausura, celebrado hoxe en Santiago, tamén estiveron presentes o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o director da Agadic, Jacobo Sutil, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel. No transcurso do mesmo, o titular de Cultura e Turismo felicitou aos artistas participantes e subliñou a importancia das bandas de música como exemplo de valores como o traballo en equipo, a responsabilidade ou a disciplina.

Esta XIII edición do encontro avanzou nas novidades introducidas en 2018 favorecendo a participación de bandas doutros puntos da Península, neste caso procedentes de Benavente e de Portugal. Xunto con elas, o evento contou cunha importante representación galega que deu conta do “bo momento que están a vivir as bandas da nosa Comunidade, o alicerce da cultura musical galega”, afirmou Román Rodríguez. Neste sentido, lembrou recentes recoñecementos como o primeiro premio obtido pola Banda de Música Municipal de Caldas de Reis no Certame Internacional de Bandas de Música Villa de Aranda ou o da Banda Unión Musical de Meaño no Concurso Bandístico Internacional Riva da Garda en Italia.

A competición deu comezo na mañá de onte coas actuacións das tres bandas da Sección Infantil (Banda Infantil da Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia, Banda da Escola de Música de Vilaboa e Banda de Música Santádega) e proseguiu coa Sección Xuvenil na que participaron a Banda Escola Unión Musical de Tenorio, a Orquestra Juvenil Da Banda de Música de Riba de Ave (Portugal), a Banda de Música Xuvenil de Celanova e a Banda Xuvenil de Antas de Ulla. Tamén o sábado actuaron as bandas da Sección Segunda: a Lira de Ribadavia, Banda de Música Popular de Rubiós, Sociedade Filarmónica de Crestuma (Portugal) e Banda de Música Municipal de Caldas de Reis.

Hoxe ocuparon o escenario as cinco escollidas na Sección Primeira: a Banda de Música Vila de Cedeira, a Banda de Música dos Bombeiros Voluntários da Póvoa de Lanhoso (Portugal), a Banda de Música Maestru Lupi (Benavente), a Agrupación Musical de Goián e a Agrupación Musical de Belesar. A competición pechouse coas interpretacións da Orquestra de Sopros da Academia de Artes de Chaves (Portugal), a Banda Unión Musical de Meaño, a Banda de Música Sons e Soños, a Banda de Música de Vilatuxe e a Banda de Música de Rianxo, todas elas da Sección Primeira.

Durante o acto de clausura, o xurado, composto polos mestres Frank de Vuyst, Laurence Roman e Luis Serrano Alarcón, deu a coñecer os gañadores do XIII Certame Galego de Bandas de Música, así como do XII Concurso Galego de Composición para Banda de Música, e distinguiu, en colaboración coa Escola Galega de Dirección de Banda, ao mellor director do certame. Ademais, o evento foi retransmitido en directo a través da canle da FGBMP en YouTube.

Ademais de felicitar ás 21 formacións participantes, Román Rodríguez trasladoulle os seus parabéns ás 21 formacións participantes, á FGBMP e ás distintas institucións colaboradoras polo seu traballo e compromiso a prol da celebración deste certame e emprazou a todos os asistentes a unha vindeira edición o ano que vén.

Pezas galegas

Cómpre destacar que, entre as obras de autoría galega de obrigada interpretación, estiveron as premiadas o ano pasado no Concurso Galego de Composición, do mesmo xeito que as gañadoras da actual edición serán estreadas e executadas no Certame de Bandas de Música de 2020. Coa organización destes premios de composición, a FGBMP busca cubrir a escaseza de pezas galegas para seren interpretadas especificamente por este tipo de agrupacións, dispoñendo xa dun amplo catálogo para a súa progresiva incorporación por parte das bandas federadas.

A participación da Xunta nesta iniciativa enmárcase na liña de traballo conxunto que vén desenvolvendo desde hai anos canda a Federación, que actualmente está integrada por 93 bandas das catro provincias, superando os 7000 músicos asociados. Nesta colaboración enmárcase igualmente o Concurso Galego de Composición para Bandas e o Festival de Bandas Infantís e Xuvenís que se celebra cada ano na Cidade da Cultura.

Comentar noticia

Your email address will not be published.