Gañan unha sentenza a Eulen no servizo da axuda a domicilio de Narón

A empresa deberá actualizar os salarios do persoal, conxelados desde o 2013
Publicado por o día 08/08/2017 na sección de CC.OO,Galicia,Sindicatos

Gañan unha sentenza a Eulen no servizo da axuda a domicilio de Narón

A Federación de Construción e Servizos de CCOO gañou unha nova sentenza que mellora as condicións laborais no sector da axuda domiciliaria. Neste caso, a resolución xudicial obriga a empresa Eulen, concesionaria deste servizo en Narón, a actualizar os salarios do persoal, conxelados desde o 2013.

CCOO saúda a sentenza, mais critica o Concello naronés por permitir que a empresa incumprise as obrigas salariais, «algo que debera ser motivo de sanción», critica o sindicato.


Alejandro Bello, responsable comarcal da Federación, asegura que se intentou negociar coa concesionaria durante «moitos meses», sen que Eulen dese «nin un só paso». Pola súa parte, as delegadas de CCOO insisten en que a empresa incumpre gran parte do convenio colectivo en vigor e a Lei de prevención de riscos laborais.

Campaña de CCOO no SAD de Galicia

Esta sentenza súmase a outras máis que melloran de xeito «substancial» as condicións laborais no servizo de atención domiciliaria (SAD) de Galicia, sector no que a maior parte do persoal son mulleres.

O sindicato salienta que está a dar «importantes froitos» a campaña de denuncia que leva a cabo a Federación de Construción e Servizos por todo o país. Só uns días atrás coñecíase outra sentenza, neste caso contra a concesionaria do SAD de Pontevedra, Clece, que deberá actualizar salarios e cotizacións a máis da metade do seu persoal, o que podería representar medio millón de euros.