Gardacostas requisa máis de 1.600 útiles de pesca, unha embarcación e arredor de 340 quilos de distintas especies de peixe e marisco

A maioría dos útiles, 1.087, requisáronse na ría de Vigo, onde só na Guarda os axentes incautaron 800 cacharros debido a que son útiles ilegais
Publicado por o día 21/07/2020 na sección de Sucesos

Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, requisaron 1.654 útiles, unha embarcación, arredor de 340 quilos de distintas especies de peixe e marisco e 50 metros de artes de enmalle en diferentes controis realizados nos últimos días no litoral de Galicia.

A maioría dos útiles, 1.087, requisáronse na ría de Vigo, onde os axentes tamén comisaron preto de 30 quilos de distintas especies de peixe e marisco e 50 metros de miños. O control máis destacado tivo lugar na zona da Guarda, onde os gardacostas incautaron 800 cacharros debido a que son útiles ilegais e preto de 15 quilos de polbo.

A ría de Pontevedra tamén foi escenario de distintas inspeccións que se saldaron coa incautación de 189 nasas que estaban sen identificar e máis de 47 quilos de distintas especies de marisco. Boa parte desas nasas, 98, foron requisadas nunha inspección realizada entre Cabicastro e a praia de Caneliñas, onde tamén se comisaron un total de preto de dez quilos de polbo, nécora e santiaguiño.

Na ría de Arousa os gardacostas realizaron varios controis que deron como resultado a incautación de 276 útiles, a maioría nasas, e máis de 217 quilos de distintas especies de peixe e marisco. Un dos controis máis destacados foi na Illa de Arousa, onde os gardacostas se aprehenderon de 170 nasas que estaban sen identificar e de 30 quilos de distintas especies de marisco.

A maiores, na ría de Muros e Noia os efectivos de Gardacostas requisaron 12 útiles e preto de 10 quilos de diferentes especies de marisco e na Costa da Morte 17 quilos de distintos mariscos e catro útiles. Na ría de Ares e Betanzos tamén se realizaron controis que tiveron como resultado a incautación de 57 útiles e sete quilos de diferentes especies de marisco e na ría de Ferrol os axentes incautaron 25 nasas. Ademais na ría da Coruña os gardacostas requisaron unha embarcación, dous raños, un capacho, un cinto e 12 quilos de ameixa.

A Consellería do Mar lembra á cidadanía que o consumo de produtos do mar extraídos e comercializados de xeito irregular pode supor un risco para a saúde ao non ter pasado ningún tipo de control que o avale. Por iso, pide aos consumidores que non merquen produto fóra das canles legais de comercialización.