Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, requisaron máis de 500 quilos de distintas especies de peixe e marisco, máis de 250 útiles e preto de 7.000 metros de artes de enmalle en diferentes controis realizados nos últimos días no litoral de Galicia. Os operativos máis importantes desenvolvéronse no litoral da Costa da Morte, onde os axentes comisaron preto de 350 quilos de distintos produtos do mar e se incautaron de 167 útiles así como de máis de 5.000 metros de artes de enmalle.
Nun deses controis -realizado na contorna do porto de Cee, na praia de Quenxe e nas proximidades do peirao de Brens- os efectivos do Servizo de Gardacostas requisaron 2.000 metros de artes de enmalle e 89 nasas de distintos tipos que estaban sen identificar. O operativo saldouse ademais co comiso de 66 quilos de centola, 11 quilos de distintas especies de peixe, sete quilos de choco, tres quilos de polbo e algo máis dun quilo de nécora. Todas as especies foron devoltas ao mar.
Noutro control desenvolvido nos portos de Corcubión e Brens, os efectivos do organismo dependente da Consellería do Mar incautáronse de 60 nasas de madeira, 250 metros de artes de enmalle e dous viveiros que estaban calados de xeito irregular, polo que se levantaron as correspondentes actas de infracción. A intervención supuxo tamén o comiso de máis de 15 quilos de centola, 12 quilos de polbo, tres de nécora, dous de peixe e 1,5 quilos de boi que foron devoltos ao mar.
Nun terceiro operativo no litoral de Fisterra os axentes requisaron máis de 1.500 metros de artes de enmalle que estaban se identificar así como 29 quilos de centola, que foron devoltos ao mar. Noutra intervención, o Servizo de Gardacostas comisou en Camariñas máis de 90 quilos de nécora, arredor de 62 quilos de centola, 26 quilos de santiguiño e 12,5 quilos de lumbrigante ao tempo que requisou 16 salabardos. Levantáronse as correspondentes actas de infracción pola súa extracción irregular -o santiaguiño e a nécora están en veda e a maioría das especies estaban ovadas- e todo o produto foi devolto ao mar.
Na ría de Pontevedra os gardacostas incautáronse de preto de 2.000 metros de artes de enmalle así como de 87 útiles e preto de 35 quilos de distintas especies. O operativo máis importante desenvolveuse nas proximidades do porto de Aguete, onde os axentes requisaron 1.800 metros de artes de enmalle, 14 nasas de madeira e dous salabardos, todo sen identificar. Esta actuación permitiu comisar ademais 21 quilos de centola, dous quilos de polbo, 1,5 quilos de faneca e medio quilo de nécora que foron devoltos ao medio.
Os axentes tamén desenvolveron numerosos controis en terra que se saldaron co comiso de máis de 110 quilos de produtos do mar e 11 útiles de pesca. O máis importante produciuse na zona do Portiño, na Coruña, co comiso de preto de 40 quilos de ourizo e case dous quilos de polbo e a incautación dun salabardo de rede. No operativo, desenvolvido en colaboración coa Policía Autonómica, foron identificados dous furtivos e o produto comisado foi devolto ao mar.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.