Gardacostas requisa preto de 700 quilos de distintas especies de peixe e marisco e máis de 460 útiles, a maioría na ría de Pontevedra

Os axentes do organismo dependente da Consellería do Mar desenvolveron nos últimos días varios controis no litoral pontevedrés que se saldaron coa incautación duns 270 útiles e o comiso de case 132 quilos de produtos do mar

Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, requisaron preto de 700 quilos de distintas especies de peixe e marisco, máis de 460 útiles e 350 metros de artes de enmalle en diferentes controis realizados nos últimos días no litoral de Galicia. A zona na que se produciron máis incautacións foi a ría de Pontevedra, con máis de 270 útiles e 350 metros de artes de enmalle retirados, ao tempo que se comisaron preto de 132 quilos de produtos do mar.

O operativo máis importante dos desenvolvidos en augas da ría pontevedresa supuxo a incautación de 254 nasas a dúas embarcacións -144 a unha e 110 a outra- por telas caladas fóra do horario que tiñan autorizado. A estas sumáronse outras 16 nasas retiradas do mar por estar sen identificar. Nesta actuación levantáronselle as correspondente actas de presunta infracción ás embarcacións identificadas e os preto de 32 quilos de camarón que se atopaban dentro das nasas foron devoltos ao mar.

Noutro dispositivo realizado no litoral pontevedrés, e con inspeccións tamén en terra, os axentes do Servizo de Gardacostas comisaron preto de 50 quilos de distintas especies, principalmente centola ovada e choco e lumbrigante de tamaño inferior ao permitido. Os gardacostas levantaron actas de presunta infracción aos profesionais identificados e devolveron tanto a centola como o lumbrigante ao mar, mentres que o choco foi entregado a unha entidade benéfica.

Un terceiro control en augas da ría de Pontevedra -entre Sanxenxo, Beluso e Aguete- saldouse co levantamento de cinco actas de presunta infracción a distintos profesionais por distintos incumprimentos da normativa de pesca e coa incautación de tres útiles e 350 metros de artes de enmalle así como o comiso de preto de 30 quilos de centola que foi devolta ao mar. Outros controis desenvolvidos nesta zona finalizaron con cantidades menores de comisos e incautacións.

Non obstante, o operativo con máis comisos dos últimos días produciuse en terra, na zona das Carolinas, en Ribeira. Nun control realizado a unha furgoneta que transportaba distintas especies de peixe, os axentes requisaron máis de 180 quilos de pescada que non chegaba ao talle mínimo requirido e que, ao igual que outros 220 quilos de pota, 37,2 quilos de pescada, 17,5 quilos de cabra, 10,3 quilos de peixe espada e 7,2 quilos de lirio, carecía da documentación que avalase a súa trazabilidade. Os gardacostas levantaron acta de presunta infracción ao propietario da furgoneta e entregaron os preto de 486 quilos de peixe comisado a un centro benéfico próximo.

Na ría de Vigo os efectivos do organismo dependente da Consellería do Mar desenvolveron dous operativos que se saldaron coa incautación de 182 nasas que estaban sen identificar e cinco quilos de polbo que foron devoltos ao mar. No primeiro deles, realizado na enseada de Cangas, incautáronse de 132 nasas e tres quilos de polbo mentres que no segundo, na praia de Patos, retiraron 50 nasas e dous quilos de cefalópodo.

Na ría de Ares e A Coruña, pola súa parte, os axentes requisaron seis salabardos e un viveiro así como 72 quilos de centola e máis de cinco quilos de nécora. Os útiles estaban sen identificar e boa parte da centola era de talle inferior ao permitido ou estaba ovada, que foi devolta ao mar xunto cos exemplares de nécora.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM