Gayoso responde a En Marea que a fusión das caixas foi unha imposición de Feijóo

“A fusión das caixas galegas tivo como máximo impulsor a Feijóo. A elección desta alternativa non se baseou en criterio de viabilidade económica, senón de intereses particulares”, asegurou a deputada Yolanda Díaz.
Publicado por o día 08/05/2018 na sección de En Marea,Política

Gayoso responde a En Marea que a fusión das caixas foi unha imposición de Feijóo

A deputada de En Marea, Yolanda Díaz, interpelou este martes a Julio Fernández Gayoso, ex Presidente de Novacaixa Galicia, na súa comparecencia na Comisión de Investigación sobre a crise financeira, na que deixou entrever unha imposición de Feijoó na fusión das Caixas que liquidou o sistema financeiro galego.

Na súa comparecencia, Gayoso evitou recoñecer responsabilidades e fixo moi pouca autocrítica na xa coñecida mala xestión das caixas galegas, que custou ás arcas públicas máis de 9000 millóns de euros, segundo detalla o Tribunal de Contas.

Díaz inqueriu en que “a fusión das caixas galegas tivo como máximo impulsor a Feijóo. A elección desta alternativa non se baseou en criterios de viabilidade económica, senón de intereses particulares, xa que tampouco estaba recomendada no informe do KPMG. Cal é a responsabilidade da Xunta de Galicia no desastre do sistema financeiro galego?”.

Ante esta cuestión, Julio Fernández Gayoso evitou o trasfondo da pregunta, pero asegurou que el “estaba en contra da fusión das caixas” pero quen tomaba a decisión “eran os órganos de goberno da Caixa” que “tampouco recomendaban unha fusión no mesmo territorio”, o que pon o foco na Xunta de Galicia.

PREFERENTES
A deputada tamén preguntou pola implementación dunha estratexia de colocación de preferentes co obxectivo de incrementar os recursos da entidade, ocultando a situación crítica de Caixanova, que era a garante das preferentes.

Sen embargo, sobre esta cuestión, Gayoso elude responsabilidades e non aclara porque no 2009 emitiron preferentes cando xa a Caixa estaba medio en quebra.

Gayoso, na súa comparecencia, só admitiu “unha autocrítica”.
“Antes da fusión, a Caixa tiña que ter tomado medidas duras. Se había oficinas non rentables era porque estaban en vilas pequenas de Galicia. Era un servicio fantástico, pero con un importante custo. Era moi dramático, pero tiña que facerse efectiva a medida de reducir oficinas”, asegurou.

Ademais, sinalou que os servicios centrais “terían que terse podado” para “paralizar a expansión” e que “a obra social foi outro erro, porque non se decidiu reducir”.

KPMG
A deputada tamém realizou varias preguntas na comparecencia de Francesc Gibert Pibernat, Consultor de KPMG e coautor do informe encargado pola Xunta para a creación de Novagalicia nesta mesma comisión.

“O informe recomendaba que Caixanova absorvera a Caixa Galicia, porque sería o “máis favorable para o proceso” dada a peor saúde financeira da entidade do norte por, entre outras cousas, o seu maior lastre de exposición ao sector do ladrillo e a súa demostrada insolvencia. A Xunta fixo caso omiso a esta recomendación con lamentables consecuencias para as arcas públicas”, destacou.

“Falaban dun informe ‘feito a medida’. Con esta afirmación queren dicir que o informe para a fusión das caixas decía o que quería a Xunta que dixera?”, preguntou tamén a deputada, sen nigunha resposta por parte de Gibert Pibernat.

Díaz tamén denunciou o cruce de versións contraditorias entre os consultores de KPMG e a Conselleira de Facenda naquel entón, Marta Fernández Currás, xa que mentras os primeiros chegaron a afirmar que o informe recomendaba unha absorción bancaria, a titular do Goberno galego sinalaba que “a auditoría externa encargada pola Xunta de Galicia a KPMG avalaba a solvencia da fusión das caixas galegas, unha operación que daría lugar á quinta caixa española por volume de activos cunha dimensión suficiente para o novo escenario financeiro.”

Intervencións