Giancarlo Guerrero e a Orquesta Sinfónica de Galicia pechan a tempada de música clásica de Afundación

O concerto terá lugar o 15 de decembro ás 20.30 h no Teatro Afundación de Vigo.
Por o 07/12/2016 | Sección: Cultura,Vigo
Giancarlo Guerrero e a Orquesta Sinfónica de  Galicia pechan a tempada de música clásica de  Afundación
Compartir en:

A actuación conta coa participación de Isabelle Faust que tocará un violín de 1704 alcumado A bela durminte do bosque.

 O Teatro Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 13) acollerá o vindeiro 15 de decembro, ás 20.30 h, un concerto da Orquesta Sinfónica de Galicia que, nesta ocasión, será dirixida por Giancarlo Guerrero e contará coa participación de Isabelle Faust ao violín. Con esta actuación dáse por concluída a tempada de música clásica de Afundación na cidade de Vigo. Nela, a agrupación interpretará Concerto para violín en re maior, op. 61 e a Sinfonía núm. 7 en la maior, op.92, ambas de Ludwig Van Beethoven (1770-1827). As entradas están xa á venda a través das canles habituais da entidade, en Ataquilla.com ou ben no teléfono 902 504 500, para todas aquelas persoas que non tivesen adquirido o abono para a tempada que supón un aforro do 20 % con respecto ás entradas individuais. Este concerto está encadrado na iniciativa «Quedamos no palco, quedamos coa clásica» que permitirá acudir de xeito gratuíto a nenos de ESO e bacharelato. Aqueles centros educativos interesados deberán, desde 10 días antes de cada concerto, solicitar os bonos a través do teléfono 988 391 746 ou no correo electrónico quedamosnopalco@afundacion.org. Ademais, as persoas con 35 anos ou menos gozan da oportunidade de conseguir as entradas na billeteira media hora antes de cada concerto a un prezo reducido, coa finalidade de promover este tipo de espectáculos entre o público novo.

GIANCARLO GUERRERO E ISABELLE FAUST

Costarricense de nacemento, este músico gañou dous premios Grammy á mellor interpretación orquestral e mellor só instrumental. Licenciado pola Universidade de Baylor e o Noroeste, Giancarlo Guerrero dirixiu importantes orquestras coma a de Filadelfia, Eugene, ou participou como director asociado na Orquestra de Minessota.

Ademais, o artista colaborou e promoveu obras de varios compositores de renome en Estados Unidos como John Adams, John Corigliano ou Osvaldo Golijov.

Isabelle Faust é unha violinista alemá que comezou a tocar á prematura idade de 5 anos. Foi música de cámara cos pianistas Alex Melnikov e Ewa Kupiec ou a clarinetista Sharon Kam. O seu instrumento, un Stradivarus de 1704, é alcumado A bela durminte do bosque. Os compositores Thomas Larcher e Michael Jarell dedicáronlle obras.

Ademais, Faust é profesora na Universidade de Artes de Berlín.

A ORQUESTA SINFÓNICA DE GALICIA

Creada en 1992 polo Concello da Coruña e con sede no seu Palacio da Ópera, a Orquesta Sinfónica de Galicia (OSG) é unha das agrupacións orquestrais de maior proxección en España, ademais dunha marca internacional con seguidores nos cinco continentes a través da súa canle de YouTube.

A OSG, cuxo director titular desde a tempada 2013-2014 é Dima Slobodeniouk e Víctor Pablo Pérez o seu director honorario, foi orquestra residente do Festival Rossini de Pésaro de 2003 a 2005 e do Festival Mozart da Coruña desde a súa creación no 1998.

Ademais, realizou varias xiras por Alemaña e Austria e ofreceu concertos nas mellores salas e ciclos de concertos españois. No 2007 realizou a súa primeira xira por América do Sur, con concertos en Chile, A Arxentina, O Brasil, O Uruguai e Montevideo, e cara aos últimos meses do 2009 presentouse na histórica sala do Musikverein de Viena.

Conta habitualmente con solistas como Anne-Sophie Mutter, Maurizio Pollini, Krystian Zimerman, Gil Shaham, Sarah Chang, Grigory Sokolov, Leonidas Kavakos, Arcadi Volodos, Maria João Pires, F. P. Zimmermann, Mischa Maisky ou Christian Lindberg.

Con ela cantaron Alfredo Kraus, Teresa Berganza, Plácido Domingo, María Bayo, Ainhoa Arteta, Juan Diego Flórez, Simon Estes, Mirella Freni, Ann Murray, Amanda Roocroft, Ildar Abdrazakov, Hildegard Behrens, Eva Marton, Giuseppe Giacomini, Philip Langridge, Carlos Chausson, Raúl Giménez, Isabel Rey, Carlos Álvarez, Ana María Sánchez ou Giuseppe Sabbatini, entre outros, sempre baixo a batuta de mestres coma Lorin Maazel, Daniel Harding, Guennadi Rozdestvenski, Maurizio Pollini, James Judd, Jean-Pascal Tortelier, Stanislaw Skrowaczeski, Libor Pesek, Peter Maag, Jesús López Cobos, Osmo Vänskä, Alberto Zedda, Emmanuel Krivine, Yoav Talmi, Raymond Leppard, Gabriel Chmura, Jean-Jacques Kantorow, Josep Pons, John Nelson, Gianandrea Noseda, Ron Goodwin ou Manfred Honeck.

Na súa discografía, para selos coma EMI, DECCA, Koch, Naïve, BMG e Arts, figuran nomes coma Juan Diego Flórez, Kaori Muraji, Peter Maag, Antonio Meneses, María Bayo, Plácido Domingo, Juan Pons, Ewa Podles ou Manuel Barrueco —con quen foi nomeada ao Grammy 2007 polo mellor álbum clásico do ano—. A OSG foi premiada coa Medalla de Ouro da Real Academia Galega de Belas Artes e foi Premio Cultura Galega da Música no ano 2010. Está financiada polo Concello da Coruña, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia.