O Goberno de Carmela Silva aproba 775.000 euros para os clubs deportivos da provincia que compiten no ámbito nacional

Unha vez publicadas as bases das subvencións, que terán 25.000 euros máis de orzamento que no 2017, os clubs terán de prazo para presentar as solicitudes ata o 2 de abril
Publicado por o día 27/02/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

O Goberno de Carmela Silva aproba 775.000 euros para os clubs deportivos da provincia que compiten no ámbito nacional

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou as bases das subvencións para clubs deportivos da provincia de Pontevedra sen ánimo de lucro que participen en competicións federadas de ámbito nacional para o ano 2018.

Tal e como informou Carmela Silva “esta convocatoria está destinada a clubs federados da provincia de Pontevedra de ámbito nacional que teñan polo menos un equipo participante na categoría sénior, así como aos clubs que participen na 3.ª división de fútbol”. Estas subvencións teñen como obxectivo específico apoiar a súa participación en ligas e competicións oficiais de ámbito nacional convocadas por organismos ou federacións deportivas galegas ou españolas nas modalidades deportivas con implantación na provincia de Pontevedra”.


A través destas bases réxense as subvencións para o apoio a clubs deportivos federados do deporte nacional na temporada 2017-2018 e, no caso dos clubs que participen en competicións de ano natural, da temporada 2018. Así, o Goberno provincial destinará 775.000 euros, 25.000 euros máis que no 2017, que serán repartidos da seguinte maneira: atletismo, 24.500 euros; bádminton, 13.000 €; baloncesto, 125.000 €; balonmán, 205.500 €; béisbol, 7.000 €; ciclismo, 80.000 €; fútbol, 136.000 €; fútbol sala, 26.000 €; rugby, 16.500 €; tenis de mesa, 17.500 €; voleibol, 33.000 €, e outras modalidades, 66.000 €.

Carmela Silva destacou que “estas subvencións súmanse aos 600.000 euros das axudas para clubs federados da provincia que participan en categoría inferior a nacional”, aprobadas en Xunta de Goberno o pasado 19 de xaneiro. A presidenta tamén resaltou que “antes estas axudas dábanse a dedo pero co noso Goberno realizarase en réxime de concorrencia competitiva tendo en conta para a súa adxudicación o nivel de competición, o número de licenzas federativas, o número de equipos participantes por categoría na actual temporada, o número de equipos en categorías base, que os clubs compitan con licenzas masculinas e femininas ou con diversidade funcional e o orzamento do club”.

O prazo para presentar as solicitudes comezará ao día seguinte ao da publicación do estrato da convocatoria no BOPPO e rematará o día 2 de abril de 2018.