O Goberno de Carmela Silva destina preto de 1,1 millóns de euros a outros seis concellos da provincia para a contratación de 112 persoas

Cerdedo-Cotobade, Crecente, Gondomar, Lalín, A Lama e Vilanova de Arousa son as localidades que se van beneficiar destas novas achegas da liña 3 do Plan Concellos 2018
Publicado por o día 27/02/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

O Goberno de Carmela Silva destina preto de 1,1 millóns de euros a outros seis concellos da provincia para a contratación de 112 persoas

O Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou a quinta relación de concellos que se van beneficiar das achegas da liña 3, para o fomento do emprego para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais, do Plan Concellos 2018. Así, Cerdedo-Cotobade, Crecente, Gondomar, Lalín, A Lama e Vilanova de Arousa son as localidades que van recibir 1.097.501,63 euros para a contratación de 112 persoas ao abeiro da liña 3 do Plan Concellos 2018.

Máis polo miúdo, Cerdedo-Cotobade recibirá 208.225,6 euros para 22 postos de traballo relacionados coa cantería, coa soldadura, coa elaboración de prefabricados, carpintería, pintura, fontanería, mecánica, condución e recollida de lixo.

A Crecente, o Goberno achega 83.052,72 euros para contratar a 10 persoas que ocuparán postos de traballo relacionados coa condución, albanelería e mantemento de edificios. Pola súa banda, destina 218.552,34 euros a Gondomar para contratar a 20 persoas para desempeñar tarefas relacionadas coas obras públicas, administración, turismo, conserxería, condución, ferrería e electricidade.

Tamén, a Deputación de Pontevedra vai destinar 347.097,23 euros a Lalín para que o concello poida contratar a 31 traballadoras ou traballadores para administración, información turística, carpintería, albanelería, pintura, obras públicas, informática, condución, biblioteca, xardinería, traballo social, filoloxía e comercio. En canto á Lama, o Goberno de Carmela Silva destinará 72.193,80 euros para contratar a 13 persoas que se encargarán de tarefas relacionadas co movemento de terras, traballos forestais, conserxería, administración e limpeza.

Pola súa banda, Vilanova de Arousa recibirá 168.379,94 euros para contratar a 16 persoas que desenvolverán actividades relacionadas coa avogacía, programación web, obras públicas, animación sociocultural, turismo, xardinería, albanelería e condución.

Este ano, a liña 3 do Plan Concellos está dotada de 9.540.000 euros, é dicir, un 2,5 % máis que no 2017. Coas achegas aprobadas en Xunta de Goberno para os concellos de Cerdedo-Cotobade, Crecente, Gondomar, Lalín, A Lama e Vilanova de Arousa xa está concedido o 55,8 % da liña 3, é dicir, máis de 5,3 millóns de euros que están a beneficiar xa a 36 localidades da provincia que poderán contratar a máis de 612 persoas.