O Goberno de Carmela Silva pon en marcha a construción das novas instalacións deportivas e da piscina de Cambados, que estarán rematadas a finais de ano

No acto da primeira pedra, a presidenta da Deputación anunciou que os traballos comezan o luns. “A xente de Cambados merecía unha piscina do século XXI e non un invernadoiro”.
Por o 29/01/2018 | Sección: Deputación de Pontevedra
O Goberno de Carmela Silva pon en marcha a construción das novas instalacións deportivas e da piscina de Cambados, que estarán rematadas a finais de ano
Compartir en:

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, coa alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, o deputado de Cooperación, David Regades, e as concelleiras e concelleiros do Goberno municipal da vila, presidiu esta mañá a colocación da primeira pedra das obras da nova piscina de Cambados. O acto, que consistiu no soterramento da tradicional furna na que se depositaron exemplares dos xornais do día e algunhas moedas, marca o arranque da construción das novas instalacións deportivas do Pombal, e espérase que a finais de ano teñan xa á súa disposición “unhas instalacións dignas, que é o que merecen as veciñas e veciños, unha piscina do século XXI”, dixo a presidenta provincial.

Carmela Silva destacou a súa satisfacción “neste gran día no que comezamos coa posta en marcha dun proxecto moi esperado que Cambados merecía, que cumpre con todos os criterios de modernidade e que responde ao noso empeño de que a xente que vive nesta vila teña todos os servicios, dotacións e equipamentos aos que ten dereito. Esta piscina era unha demanda histórica e tiñamos que comprometernos”, sinalou. A presidenta lembrou as enormes dificultades que houbo para chegar a un día como este. “Como tantas outras veces herdamos un proxecto infumable, imposible de desenvolver, no que se gastarían moitos recursos e non se podería abrir ao público porque nin sequera cumpría coa lei. Sabiamos que tiñamos que cambialo, e non só facelo con garantías, senón que a súa imaxe tiña que ser avanzada, vangardista e propia deste século, porque a xente de Cambados merecíao. Foi posible porque traballamos xuntos, arreo, e non foi fácil pero dá igual, esta piscina xa é unha realidade, os traballos comezan o luns, teñen un prazo de once meses e imos traballar duro para cumprilo”.

Silva tamén tivo palabras de agradecemento para o Goberno de Fátima Abal. “Sodes un gran Goberno que está a facer un enorme esforzo por cambiar as cousas, por situar a Cambados como unha vila de referencia non só turística, senón tamén económica, social e cultural, cunha aposta moi relevante polo deporte e sodes ademais un referente na provincia no eido da igualdade”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, expresou a súa emoción “ante un día moi feliz para todos os cambadeses e cambadesas porque por fin temos a gran reforma dunha obra que levamos tanto tempo querendo levar a cabo”. A alcaldesa agradeceulle á presidenta provincial “o seu empeño porque sabiamos que co proxecto anterior a apertura era inviable, e sen o seu esforzo político e o gran traballo do equipo técnico esta infraestrutura non podería levarse a cabo. Hoxe é un gran día para nós”, rematou.

A construción das novas instalacións deportivas e da piscina de Cambados vai paliar todas as deficiencias coas que contaba a anterior, construída en período electoral polo anterior alcalde e polo entón presidente da Deputación. Deste xeito, foi necesario asinar un novo convenio, en marzo de 2017, para dar solucións ao proxecto que, como a maior parte dos herdados do anterior goberno, contaba con innumerables deficiencias, que condenaban á veciñanza a non ter unha piscina coas mesmas características que calquera outra vila do Salnés.

O novo proxecto, cun orzamento de máis de 900.000 euros, permitirá que Cambados conte cunha piscina adaptada e integrada no seu medio. Así, a empresa Prace Servicios y Obras S.A. encargarase da renovación da bóveda, debido ás múltiples deficiencias que presenta, e de actualizar as instalacións de climatización da totalidade do complexo deportivo para cumprir coa normativa aplicable. Ademais, o novo edificio integrarase no espazo urbano, reducindo o impacto ambiental, mellorarase o confort térmico e unificaranse o vaso e a praia da piscina cos espazos lindeiros para mellorar a resposta funcional.

Outras actuacións que se van levar a cabo na piscina son a modificación do peche para limitar a demanda enerxética e garantir así o benestar térmico; instalar sistemas de eficiencia enerxética que reducirán o consumo mediante o control e a regulación da temperatura; mellorarase o sistema de iluminación, coa integración de equipos altamente eficaces e con sistemas de control e integración de luz natural, e mellorarase tamén o sistema de xeración da auga quente sanitaria e para a piscina.

Se as obras se executan con normalidade, está previsto que a finais de ano Cambados teña xa unha piscina do século XXI para dar un servizo de calidade ás máis de 1.200 persoas socias e ás 2.000 que usan as instalacións na actualidade.