O Goberno central prevé que as obras da nova sede do Arquivo Histórico provincial de Ourense rematen este ano

O Estado tamén ten previsto iniciar en 2017 as obras de rehabilitación do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, para as que destina este ano 250.000 euros
Por o 08/04/2017 | Sección: Cultura,Galicia,Ourense,Vigo,Xunta de Galicia
O Goberno central prevé que as obras da nova sede do Arquivo Histórico provincial de Ourense rematen este ano

O remate das obras da nova sede do Arquivo Histórico Provincial de Ourense está previsto para finais deste ano 2017. Así o anunciou o director xeral de Belas Artes e Patrimonio Cultural do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, Luis Lafuente Batanero, na visita que realizou ao complexo de San Francisco, acompañado polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; pola delegada da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz; pola directora xeral do Patrimonio Cultural, Carmen Martínez; e polo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, xunto con membros da corporación.

Ademais do arquivo, as instalacións de San Francisco tamén albergarán a nova sede da Biblioteca Pública de Ourense, para a que están comprometidos 4,2 millóns en 2017 –principalmente para a dotación de equipamento e mobiliario–. A esta contía hai que engadir os 19,6 millóns executados ata a data polo Ministerio para construír as novas sedes destes dous centros, o que suma un investimento de 23,8 millóns.

O secretario xeral de Cultura valorou positivamente os avances dos traballos no complexo de San Francisco para dispoñer o antes posible das novas sedes destes dous equipamentos culturais imprescindibles na cidade de Ourense como son a biblioteca pública e o arquivo histórico provincial, nunhas instalacións e cun equipamento adaptados ás necesidades dos usuarios e usuarias e á actividade que leva a cabo a Consellería de Cultura e Educación nos dous centros.

Inicio da rehabilitación do Museo Arqueolóxico

As actuacións do Ministerio no equipamento cultural para estes centros xestionados pola Secretaría Xeral de Cultura inclúen tamén a reforma e rehabilitación do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense (MAPOu), cuxo proxecto contempla un orzamento de licitación de 11,4 millóns de euros. O Ministerio prevé poder iniciar este ano as actuacións de rehabilitación, á espera de que estea modificado o Plan especial de reforma interior (Peri) do Concello de Ourense para obter as correspondentes licenzas e proceder a licitar as obras.

En conxunto, os investimentos do Goberno nas novas sedes do Arquivo Histórico Provincial de Ourense e da Biblioteca Pública da Ourense, e na rehabilitación do Museo Arquolóxico Provincial de Ourense superarán os 35 millóns de euros.