Goberno de A Coruña impulsa “Emprego Xove” que ten como obxectivo facilitar inserción sociolaboral da mocidade

O edil Alberto Lema salienta que o Concello porá en marcha, no marco desta iniciativa, o Espazo do Emprego Xove, no que “as usuarias e usuarios contarán con apoio e orientación personalizada”.
Por o 21/07/2017 | Sección: A Coruña,Emprego,Galicia
Goberno de A Coruña impulsa “Emprego Xove” que ten como obxectivo facilitar inserción sociolaboral da mocidade

O Goberno local porá en marcha nas próximas semanas o programa de emprego xuvenilCoruña Emprego Xove, unha iniciativa impulsada pola área de Emprego e Economía Social que ten como finalidade abordar a capacitación profesional de mozas e mozos que están a piques de rematar a súa etapa formativa co obxectivo de facilitar a súa inserción sociolaboral. O proxecto, tal e como avanza o edil Alberto Lema, desenvolverase ao longo de 18 meses, comezando este verán e prolongarase até o final de 2018. “Este programa, cuxa posta en marcha será inminente, ten como finalidade a integración sustentable das mozas e mozos da Coruña no mercado laboral, a través do acompañamento e a orientación, á vez que lles ofrece ferramentas transversais que lles dean capacidades para desempeñar unha profesión”, explica o concelleiro. “O Concello da Coruña está a traballar en facilitar o maior número de recursos posibles para favorecer o acceso ao emprego, en especial a colectivos con maior dificultade, e o fai tamén a través de programas como Coruña Emprega, con case 1.000.000 de euros de orzamento”, lembra o edil, quen sinala que esta nova proposta da súa área afondará na reincorporación da mocidade no sistema educativo formal.

“Este Goberno entende a educación e o acceso á mesma como unha das súas prioridades. É unha importante ferramenta que dá a todas as persoas a posibilidade de ter as mesmas oportunidades, e de camiñar cara a unha sociedade máis preparada e igualitaria”, expón o edil, quen avanza que o programa “dotará dun amplo abano de coñecementos básicos ás e aos participantes”. “Coruña Emprego Xove promoverá o retorno á ensinanza formal, co obxectivo que as mozas e mozos poidan obter unha formación básica previa, necesaria e fundamental para abordará a súa profesionalización con garantía de éxito”, destaca. Para o desenvolvemento destes itinerarios, que incluirán prácticas profesionais, a proposta desenvolverá, ao tempo, un centro aberto de titorización personalizada para as usuarias e usuarios, o denominado Espazo de Emprego Xove, “na procura de mellorar a empregabilidade xuvenil a través do acompañamento e a estimulación da participación responsable en actividades ocupacionais de carácter tanto individual como colectivo”. Neste centro incidirase no deseño e execución de accións complementarias, “innovadoras e baseadas nas novas tecnoloxías”, segundo especifica Lema, dirixidas a orientar e motivar á mocidade para a procura activa de emprego e o seu mantemento. “Cómpre salientar, neste sentido, que a partir deste ano contaremos tamén cun reforzo de 650.000 euros dos fondos DUSI para fomentar a formación e a empregabilidade a través das TICS”, asevera o concelleiro.

O programa, que vén de recibir 476.633,32 euros do Fondo Social Europeo, realizará un traballo continuo de prospección laboral, “que permitirá coñecer as oportunidades reais de emprego que ofrece o territorio e anticiparse ás necesidades de cualificación profesional máis demandadas”, sinala o concelleiro. Nesta liña, ademais, tal e como avanza o responsable municipal, a iniciativa promoverá “o traballo en rede do Concello con entidades e institucións locais especializadas neste ámbito”, a través da creación de redes de intercambio metodolóxico e técnico entre as mesmas, “para o fomento do aprendizaxe mutuo na xestión das políticas activas de emprego”. Finalmente, poranse en marcha unha serie de actuacións de seguimento e avaliación de todas as accións que se desenvolvan no marco do proxecto, á fin de identificar as boas prácticas susceptibles de seren transferidas a outros ámbitos de actuación.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.