O goberno destaca a “eficaz” aplicación do Plan de Emerxencia Municipal durante os incendios

O Pleno Extraordinario deste mércores acolleu a comparecencia do goberno vigués explicando a acción desenvolvida durante os incendios dos días 15 e 16 de outubro ao longo de 16 horas nas que se rexistraron 95 lumes provocados.
Publicado por o día 22/11/2017 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O goberno destaca a “eficaz” aplicación do Plan de Emerxencia Municipal durante os incendios

O voceiro do grupo municipal socialista, Carlos López Font explicou na sesión extraordinaria do Pleno da Corporación as medidas tomadas ao abeiro do Plan de Emerxencia Municipal (PEMU) que, segundo sinalou, foi activado ás 13:50 horas do domingo 15 de outubro cun funcionamento baseado en tres eixos: o director do PEMU -o alcalde-, os servizos operativos e a cidadanía que traballaron “cohesionados e permitiron actuar con eficacia e salvar a vida das persoas”.

Segundo expuxo e, ao abeiro do PEMU, creouse un posto de mando avanzado dirixido por Abel Caballero e conformado polos dous Tenentes de Alcalde, os concelleiros de Seguridade e e Xestión Municipal e os xefes da Policía Local e dos Bombeiros, entre outros responsables, que percorreu os lugares afectados polo lume: Sobreira, Zamáns, Valadares, os montes Alba e dos Pozos, Freixo, Fragoselo, Teixugueiras, Avenida de Europa, Samil, Alcabre, Matamá, a Avenida de Camposancos e Roteas. López Font apuntou que este posto “facilitou a atención ao estar onde había que actuar cun resultado altamente eficaz” e salientou que a situación quedase controlada ás 5:00 horas da mañá, 16 horas despois de activarse a alerta e con 95 incendios provocados.

No referente ao operativo disposto, o voceiro socialista relatou que participaron 99 bombeiros, tres veces o cadro de persoal, 110 policías locais, 40 voluntarios de Protección Civil e efectivos da Policía Nacional e da Garda Civil así como 18 coches policiais, 3 dos GOA, 3 de atestados, 7 de servizos e 14 motos. Os bombeiros contaron con dous coches con 15.000 litros de capacidade e 9 camións. Ademais, López Font relatou as distintas achegas das concellerías e a atención prestada aos afectados facilitándolles o aloxamento en hoteis e mesmo habilitando o colexio Tintureira para quen non quería desprazarse a outro espazo. Pola contra, apuntou que a Xunta de Galicia non decretou o nivel de emerxencia de risco para a poboación e as casas ata as 20:30 horas da tarde e criticou que o Delegado da Xunta en Vigo non se puxese en contacto co Concello como “lle correspondía”, mentres o alcalde vigués informou da situación ao presidente da Xunta ás 22:00 horas da noite.

Trala exposición do goberno local, Rubén Pérez, voceiro de Marea de Vigo, apuntou que “non nos fiamos nin unha coma do operativo que se montou” criticando que o posto de mando avanzado non estivera no Concello senón circulando polos lumes cando “é fácil que quedaran illados, que fallara a comunicación” e aludiu á falta de efectivos en bombeiros e recursos para facer fronte a unha situación de crise como a acontecida. Pediu a creación dunha comisión de traballo para facer un novo plan de emerxencia actualizado e adaptado a un novo contexto de seca na cidade así como a habilitación dun cinto agrícola de seguridade entre o monte e as casas.

Elena Muñoz, voceira do grupo municipal popular, acusou ao goberno de “vir contarnos unha película, un relato feito a medida a posteriori dos feitos, que non é a verdade do que pasou” porque, ao seu xuízo, houbo “descoordinación, desinformación e improvisación”. Apuntou que Vigo non estaba preparado para a situación sobrevida, negou que a alerta se activara ás 13 horas do domingo e criticou que o posto de mando encabezado polo rexedor andara “de aquí para alí” cando os bombeiros e a policía se presentaron voluntariamente, moitos foron mandados para a casa e non tiñan un so mando dando ordes.

Carlos López Font acusou aos grupos da oposición de demagóxicos e de vivir “afastados da realidade” xa que o PEMU se aplicou integramente e defendeu que o posto de mando avanzado non tiña que “estar nos despachos” senón percorrendo os incendios para evitar “desgracias persoais e materiais”.