O goberno do Porriño leva un ano sen resolver o acceso ao colexio Santo Tomás

O BNG critica a falla de xestión da Alcaldesa e o concelleiro de Vía e Obras e propón que a obra se financie co Plan Concellos da Deputación
Publicado por o día 13/02/2017 na sección de BNG,Galicia,O Porriño,Política

O goberno do Porriño leva un ano sen resolver o acceso ao  colexio Santo Tomás

Vai facer un ano desde que, en marzo de 2016, o pleno do concello do Porriño aprobara por unanimidade unha moción do grupo municipal do BNG para que se arranxara o acceso ao colexio Santo Tomás, situado no barrio da Florida, e que presenta serios riscos para a seguridade de alumnos e peóns.

O Bloque propoñía que se iniciasen os trámites para a redacción dun proxecto que contemplase a apertura dun novo acceso na parte posterior do colexio, polo lugar de Fonte Cega. Así, o goberno local, por mandato do pleno, debía reunirse coa comunidade de montes de Torneiros, que está disposta a ceder os terreos para esa obra, e redactar o proxecto correspondente. Debía tamén o goberno local dispoñer a vía de financiamento correspondente, con cargo aos orzamentos municipais.

Pero nada disto se fixo dende entón. Non hai proxecto e non hai orzamentos. O que non é máis que unha nova mostra do desleixe na xestión do goberno local formado por PSOE e UDDL nos asuntos que interesan aos veciños. Pola contra, o BNG non desiste da súa responsabilidade e volve propoñer ao goberno unha solución a este grave problema. Por iso instamos ao goberno a que non demore máis a redacción do proxecto, a que fale cos veciños, coa dirección do colexio, coa ANPA e que se poña mans á obra.

Á vista da nula capacidade do goberno para elaborar os presupostos, o proxecto de novo acceso ao colexio Santo Tomás pode financiarse con cargo a liña 1 (Investimentos) do Plan Concellos da Deputación de Pontevera do exercicio 2017. Esta é a solución que levaremos ao próximo pleno municipal e agardamos que dunha vez por todas se tome en serio a nosa proposta. O BNG traballa para o ben dos veciños do Porriño, esperamos dos demais e sobre todo do goberno local a mesma dilixencia e capacidade.