O goberno local aproba as bases para as 750 prazas do “Vigo en Inglés”

O goberno de Vigo deu luz verde ás bases e convocatoria para adxudicar as 750 vacantes para alumnado de 3º de ESO do programa “Vigo en Inglés” deste ano. Ademais, na tarde deste xoves o alcalde fai entrega das 92 bolsas de estudos que concede o Concello a estudantes da Escola de Idiomas.
Por o 01/03/2018 | Sección: Concello de Vigo,Galicia,Vigo
O goberno local aproba as bases para as 750 prazas do “Vigo en Inglés”
Compartir en:

A Xunta de Goberno Local celebrada este xoves validou a convocatoria e bases para adxudicar as 750 bolsas de inglés que concederá este curso o Concello para alumnado de 3º da ESO, para o que adica máis de 1,7 millóns de euros.

Os requisitos para optar pasan por ter o curso anterior aprobado e un sete de nota mínima en inglés, ademais de estar censado na cidade. Avanzou Caballero que os beneficiarios pasarán case que un mes en Reino Unido ou Irlanda cun programa de inmersión lingüística, entre os meses de setembro e outubro.

O alcalde valorou este programa como un “caso único en España” polo volume de estadías concedidas pola administración local viguesa. Abel Caballero confía en que as 750 vacantes -cifra que supera ás outorgadas no 2017- sexan suficientes para cubrir toda a demanda, un “obxectivo primordial” do goberno que dirixe.

En segundo lugar, o rexedor recordou que o Concello dispón ademais doutras 92 bolsas de estudos para os estudantes da sede viguesa da Escola Oficial de Idiomas, fundamentalmente para inglés. Abel Caballero fará entrega das mesmas na tarde deste xoves. En total, o goberno de Vigo inviste preto de dous millóns de euros este ano na concesión de 842 bolsas de inglés no estranxeiro.