O alcalde achegouse este venres á rúa Sanjurjo Badía para coñecer as actuacións efectuadas en materia de tráfico e seguridade viaria para facela “máis porosa” logo das obras de humanización. Así, nunha vía na que había dous semáforos ata o de agora, veñen de instalarse 6 novos cos que o Concello quere mellorar o tránsito de peóns e a intensidade circulatoria dos vehículos.
Esta é unha acción que se estende a toda a cidade, segundo explicou Caballero, porque está cambiando a maneira de configurala xa que antes do seu goberno “Vigo estaba feito para automobilistas e non peóns, para que non se fose a pé senón no coche”. Así, estes novos semáforos están centralizados e contan con tecnoloxía 3D que permite controlalos desde a Sala de Pantallas, ampliando ou reducindo o seu ciclo en función das necesidades do tráfico.
Ademais, o rexedor mencionou as importantes melloras da rede semafórica realizadas na cidade dende o ano 2011 con máis de 80 novos equipamentos de diferente tipo: 21 semáforos, 34 accesos peonís semaforizados, 9 cámaras de control de tráfico novas, chegando a 38 en total, 160 ópticas verdes con sinal acústica para peóns invidentes con activación bluetooh ou mando a distancia, 122 sensores bluetooth para medir tempos de percorrido, 7 paneis de mensaxes variables para condutores ou un sistema de recoñecemento de matrículas. En definitiva, resumiu, un “sistema de cidade intelixente que nos permite mobilizar o tráfico na dirección que queiramos para darlle maior fluidez”, unha acción que seguirá adiante.
Nova praza en Sanjurjo Badía
O alcalde anunciou tamén que vén de encargar o proxecto dunha nova praza con zona verde para a cidadanía na confluencia das rúas Sanjurjo Badía e Santander, onde quere transformar unha zona dura de aparcamento nunha nova praza cidadá para Teis, seguindo coa política de humanizacións iniciada na cidade cos seu goberno.
Noticias de última hora en Vigo