O goberno municipal de Ourense incumpre os compromisos adquiridos na Mesa da Mobilidade sobre medidas activas de pacificación

Ante os novos atropelos desta semana Amigos da Terra esixe a colocación urxente de “pasos de peons elevados” (lombos). Que supoñan unha medida real de pacificación do tráfico e contra os atropelos e ao mesmo tempo permitan que en Ourense ser peon sexa máis seguro.
Publicado por o día 09/06/2017 na sección de Amigos da Terra,Galicia,Ourense,Vigo

O goberno municipal de Ourense incumpre os compromisos adquiridos na Mesa da Mobilidade sobre medidas activas de pacificación

Durante a mesa de mobilidade de xaneiro de 2016, ante o consenso de que os pasos elevados supoñen unha medida eficaz contra os atropelos, o concelleiro responsable así como o responsable da Policía Local , comprometeronse a mapear na cidade as ubicacions para os pasos elevados.

Ao ser preguntado o goberno municipal sobre prazos, recibimos evasivas e o recordatorio de que a Mesa da Mobilidade simplemente é un “órgano consultivo”.

Agora, despois dunha semana tráxica con graves atropelos sobre espazos que pertencen aos peons, esiximos que o goberno municipal poña prazos para a instalación destas medidas co obxectivo de elevar máis da metade dos pasos de peons da cidade.

Impedindo así de forma activa superar a velocidade permitida e ademáis garantindo a seguridade de todas as persoas, e en particular as de mobilidade reducida (nenas-os, maiores e persoas con diversidade funcional).

Víctor Barro, representante de Amigos da Terra na Mesa da Mobilidade declarou : ”Son os coches os que atropelan aos peons, non ao revés. Ser peón en Ourense é penoso e perigoso. É inaceptable facer unha campaña de sensibilización equidistante entre peóns e vehículos, como se ambos foran igual de problemáticos”.

Igualmente, denunciamos que o goberno local está a criminalizar aos peons, facendo campañas púbicas de sensibilización na radio e prensa que responsabilizan tanto a coches como a peons dos atropelos. Esquecendo que Ourense está pensada para o benestar dos coches e facendo que ser peon sexa dificil en situacións como:
– Semáforos que non cambian nunca a verde para os peons.
– Ausencia de pasos de peóns en rotondas e pontes.
– Pasos de peons borrados ou desprazados que obrigan a camiñar centros de metros para cruzar a rúa.

Son soamente algúns exemplos que esixen unha reacción urxente do goberno municipal e a policía local.