O goberno de Nigrán convoca o consello sectorial do PXOM o 7 de febreiro para informar da modificación das normas subsidiarias

Trátase dunha proposta de modificación exclusivamente técnica para adaptarse a actual Lei do Solo, conta con tódolos informes sectoriais favorables e permitirá rebaixar as restriccións aos veciños
Publicado por o día 27/01/2018 na sección de Galicia,Nigrán

O goberno de Nigrán convoca o consello sectorial do PXOM o 7 de febreiro para informar da modificación das normas subsidiarias

O goberno de Nigrán convocará para o vindeiro 7 de febreiro ás 20:00 horas ao Consello Sectorial do PXOM para informar de primeira man ás entidades da proposta de modificación número 25 das Normas Subsidiarias (NNSS) que rixen o planeamento urbanístico do municipio dende 1991. O asunto, que xa fora tratado no derradeiro Consello do 10 de maio de 2017, será levado ao día seguinte a unha nova comisión de Urbanismo co fin de acadar o consenso da corporación de cara a súa aprobación inicial no pleno do mes de marzo.

Esta modificación é unha proposta exclusivamente técnica para adaptar ás NNSS á actual Lei do Solo, conta con tódolos informes sectoriais favorables e permitiría rebaixar as restriccións aos veciños en aspectos como ampliacións ata un 50% en núcleos rurais, reducir os retranqueos ou relaxar as condicións estéticas. A realidade é que no substantivo, o corpo das NNSS mantívose vixente en Nigrán ao longo de case 30 anos e, polo tanto, ao marxe da constante evolución do marco normativo, identificando os técnicos municipais

disfuncións que dificultan obxectivos como a rexeneración e renovación urbana ou rehabilitación e eficiencia enerxética. O obxectivo é levar o documento á aprobación inicial do Pleno e, de ser acadada, exporíase 2 meses para realizar alegacións (o tempo máximo permido).

O Consello convócase o 7 de febreiro para informar de primeira man e con total transparencia ás máis de 30 entidades representadas, tal e como se fai cada vez que hai algunha cuestión relativa ao PXOM, buscando sempre o máximo consenso e participación na aprobación dos documentos urbanísticos.

“Non se pretende introducir cambios no modelo urbanístico das NNSS, esa tarefa lle corresponde ao PXOM, tampouco se pretende variar a calificación do solo ou aumentar a intensidade edificatoria. Só se trata de pequenas correccións puntuais nas NNSS para solucionar contradiccións coa normativa autonómica e estatal en vigor e resolver así deficiencias detectadas durante este tempo na oficina municipal de Urbanismo”, resume o alcalde, Juan González.

Paralelamente, o Concello continúa a tramitación do PXOM, pendente da cesión ao novo equipo redactor trala renuncia da multinacional china propietaria de Eptisa. “O obxectivo número un do goberno segue sendo acadar a aprobación inicial do PXOM, debe quedar claro que esta modificación das NNSS non está rifada en absoluto con este proceso, simplemente se trata de poder facilitar xa aos veciños certos aspectos que recolle a propia modificación da Lei do Solo de Galicia de 2016”, resume o rexedor.