Goberno de Nigrán propón ao resto da corporación unha declaración institucional sobre os lumes

Publicado por o día 20/10/2017 na sección de Galicia,Nigrán

Goberno de Nigrán propón ao resto da corporación unha declaración institucional sobre os lumes

O alcalde de Nigrán, Juan González, propuxo onte na Comisión de Asuntos Xerais aos demáis grupos políticos unha declaración institucional sobre os terribles incendios do domingo co obxectivo de que non sexa unha declaración do goberno, se non de toda a corporación. O documento obtivo a aprobación de todos para que sexa lida no vindeiro pleno, pero está aberto a suxerencias e aportacións.

"A Corporación Municipal de Nigrán quere expresar unanimemente o seu pesar pola morte de Maximina Iglesias Iglesias e Ángela Otero Otero, veciñas de Chandebrito que perderon a vida no terrible incendio que asolou á parroquia o domingo 15 de outubro, polo que, en representación de toda a veciñanza, desexa deixar constancia da súa condolencia ás familias e amizades das vítimas.

Asi mesmo, a Corporación Municipal de Nigrán quere agradecer publicamente o traballo na loita contra o lume no municipio de Policía Local, Grupo de Emerxencia Supramunicipal (GES), Protección Civil, Guardia Civil, Policía Nacional, Cespa, Aqualia, operarios municipais, decenas de empresas e, sobre todo, á veciñanza de Nigrán, que non dubidou en saír a rúa para sufocar as chamas ou aportar a súa axuda aos afectados. Sen dúbida, o traballo conxunto de todos eles evitou que Nigrán vivise unha traxedia humana e medioambiental aínda maior. Tralo vivido estes días, a Corporación Municipal quere recoñecer o coraxe, espírito solidario e compromiso inquebrantable da veciñanza coa súa contorna, feito do que sentírmonos todos orgullosos e que forma parte da identidade do noso pobo”.

Finalmente, a Corporación Municipal de Nigrán traslada a súa enérxica repulsa e condena a calquera acto incendiario intencionado e pide a máxima colaboración cidadá para avanzar na investigación sobre a orixe destes terribles lumes”.