Goberno de Nigrán proporá modificar crédito para amortizar dous préstamos a longo prazo e deixar as arcas con débeda 0

Trátase de dous préstamos de Abanca por 121.979 € e 154.311€ respectivamente asinados hai máis de 15 anos.
Publicado por o día 25/10/2017 na sección de Galicia,Nigrán

Goberno de Nigrán proporá modificar crédito para amortizar dous préstamos a longo prazo e deixar as arcas con débeda 0

O goberno de Nigrán levará ao vindeiro pleno do xoves 26 unha proposta de modificación de crédito por 276.291€ con cargo ao remanente de tesourería para amortizar os dous únicos créditos a longo prazo que mantén actualmente. Esta modificación convertiría ao Concello de Nigrán nun dos poucos de Galicia sen ningún préstamo bancario e, polo tanto, con débeda 0. A cuestión foi levada á Comisión Especial de Contas do 18 de outubro obtendo a súa aprobación (PP, PSOE e BNG a favor e UCN e Nigrán Decide abstención) e agarda ser ratificada en Pleno.

Así, o obxectivo do goberno é proceder neste ano á liquidación anticipada destes dous préstamos asinados hai máis de 15 anos e cun importe total de 121.979,81€ e 154.311,79€ respectivamente (ambos con Abanca). O primeiro deles se corresponde ao pago realizado a Tranvías Eléctricos de Vigo pola adquisición dos terreos do parque de A Ramallosa e as antigas estacións (actualmente Centro da Terceira Idade e CIM en Panxón). O segundo asinouse para a instalación de saneamento en Camos e Vilariño.

“Isto é a culminación dunha década de axustes que tivo que iniciar o goberno socialista en 2007, cando a súa chegada ao consistorio se atopou cunha débeda de máis de 6 millóns de euros e unha media de pago a proveedores de máis dun ano. A realidade é que a xestión responsable dos cartos da veciñanza fai posible ter actualmente un Concello con débeda 0″, resume o alcalde, Juan González.