O Goberno non ten previsto resolver o expediente sobre os coeficientes redutores da idade de xubilación dos bombeiros galegos

En resposta á deputada Yolanda Díaz, o Goberno afirma que “non cabe facer previsións no relativo ao prazo de tramitación iniciado hai 5 anos”.
Publicado por o día 08/07/2017 na sección de En Marea,Política

O Goberno non ten previsto resolver o expediente sobre os coeficientes redutores da idade de xubilación dos bombeiros galegos

A deputada de En Marea, Yolanda Díaz, vén de recibir resposta do Goberno en relación á pregunta que rexistrou no Congreso para coñecer a intención do Executivo na conclusión do expediente que debía resolver a cuestión dos coeficientes redutores da idade de xubilación do colectivo de bombeiros que prestan os seus servizos en empresas privadas, en parques comarcais de Galicia.

Sorprende o pasotismo do Goberno transmitido nesta resposta, como sinalou a voceira de En Marea, xa que non esconden as súas intencións de non resolver o problema e “afírmano abertamente”.

Asi, nesta resposta o Executivo comunícanlle a En Marea que “polo que respecta á finalización do expediente, se ben existe a obriga de finalizar o procedemento previo (…) non cabe facer previsións no relativo ao prazo de tramitación, dado que se require a obtención de datos dos traballadores dos que, na maior parte dos casos só dispoñen as empresas, polo que deben requerirse a éstas, unha vez que se consegue unha relación completa das mesmas ou, ao menos, unha mostra representativa cando sexa demasiado amplio o número de empresas.

O curioso disto, e cítase literalmente a resposta, é que o Goberno sinala que “analizados os datos facilitados por parte dos sindicatos en relación coas empresas en que prestan servizos os traballadores afectados, en xuño de 2015 elaborouse unha relación de sete empresas ás que debe solicitarse información (…). Non obstante, en setembro de 2015 paralizouse a tramitación do procedemento relativo a bombeiros de empresas privadas de Galicia á vista de que presentaran diversas solicitudes de asignación de coeficientes reductores da idade de xubilación para outros colectivos de bombeiros ao servizo de empresas privadas noutras Comunidades Autónomas, (…) o que podía aconsellar a acumulación de procedementos, (…) co que a xestión do mesmo se volvía máis complexa ao incrementarse notablemente o número de empresas e traballadores afectados”.

Tras solicitar a información ás 7 empresas galegas anteriormente referidas, a 6 de abril de 2017 so remitían información sobre os seus traballadores dúas delas, polo que seguen en espera da información das cinco empresas restantes, que, por certo, non están obrigadas a facilitar esta información, xa que é voluntario.

E o despropósito da resposta chega a tales límites que sinalan que “cando se reciban os referidos datos dos traballadores das empresas restantes e se complete así a información necesaria para elaborar o estudo sobre sinistralidade dos bombeiros ao servizo de empresas privadas de Galicia, ao proceder á acumulación do expediente aos do resto de bombeiros de empresas privadas do territorio nacional, non se podería proseguir a tramitación ata dispor dos datos de todo o colectivo”.
Esta resposta, tal e como denunciou Yolanda Díaz, pon de manifesto a ineficiencia do Goberno do PP, que só busca excusas para non resolver os problemas das traballadoras e traballadores do noso país, e acusa de discriminación laboral a parte deste colectivo, simplemente polo feito de estar contratados por empresas privadas e non pola administración pública.

Tras esta situación, Yolanda Díaz sinala que “é evidente que este expediente incumpre os principios de impulso de oficio de procedemento e celeridade, e incluso a propia obriga de resolver todos os procedementos e solicitudes, se excederon non só nos prazos legais, senón tamén os razoables para a resolución ou correcta tramitación dun expediente que responde a unha normativa vixente, que ampara, en definitiva, o dereito do colectivo de bombeiros de Galicia que traballan en empresas privadas a obter os coeficientes reductores de idade de xubilación.

A deputada de En Marea sentencia que, a punto de alcanzar os cinco anos desde o comezo do expediente, resulta excesivo e inadmisible a total inactividade da Administración, que ten paralizada a tramitación dunha solicitude que se formula ao amparo da normativa legal actualmente vixente, e que non teñen pensado resolver, tal e como sinalan nesta resposta”.