O goberno presenta no Pleno a liquidación orzamentaria de 2017 con máis 12 millóns de superávit

O concelleiro de Facenda defendeu este mércores a execución orzamentaria de 2017 con argumentos avalados por outras entidades como a Autoridade Fiscal Independente. Máis de 12 millóns de superávit, débeda 0, primeira cidade en pago a provedores ou ter a menor presión fiscal de Galicia foron algúns dos aspectos que Jaime Aneiros subliñou ao longo da súa intervención.
Publicado por o día 28/02/2018 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O goberno presenta no Pleno a liquidación orzamentaria de 2017 con máis 12 millóns de superávit

Todos os datos que arroxa a liquidación orzamentaria de 2017 son positivos segundo indicou esta mañá o concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, durante a súa intervención plenaria. Organismos como a Autoridade Fiscal Independente avalan a xestión económica do goberno local con máis de 12 millóns de superávit, sen débeda, co menor prazo de pago a provedores de toda España, mellores servizos públicos coa presión fiscal máis baixa de Galicia.

Ademais, engadiu, Vigo desenvolve políticas suplindo a outras administracións en temas como a entrega de bolsas de comedor, axudas sociais ou políticas de protección ás mulleres, ademais de facer inversións que melloran a vida dos cidadáns como as humanizacións ou a construción ou mellora de equipamentos deportivos. Neste punto comparou a inversión do Concello, que se eleva aos 43 millóns, coa ausencia total de investimentos da Xunta de Galicia na cidade.

Aneiros aproveitou a súa intervención para felicitar ao alcalde polo seu acordo con ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, que permitirá aos concellos reinvestir os seus aforros, tal e como veñen demandando as administracións locais nos últimos tempos.

Pola súa banda, o Partido Popular recriminou a falta de execución das inversións de 2017 e cualificou de “fracasado” o modelo do goberno local. Na súa quenda, o voceiro de En Marea criticou ao concelleiro por poñer en valor o superávit porque “non é exemplo de boa xestión”.