O Goberno responde a En Marea que non considera que as redeiras deban beneficiarse dos coeficientes reductores da idade de xubilación

Alexandra Fernández trasladaba ao Goberno unha demanda “histórica das redeiras que traballan en condicións claras de penosidade e insalubridade por moito que o Goberno o negue con respostas contraditorias”.
Publicado por o día 09/01/2017 na sección de En Marea,Política,Vigo

O Goberno responde a En Marea que non considera que as redeiras deban beneficiarse dos coeficientes reductores da idade de xubilación

O Goberno deixa claro nunha resposta por escrito á deputada de En Marea, Alexandra Fernández, que non considera que o colectivo de redeiras deba beneficiarse dos coeficientes reductores da idade de xubilación.

En concreto, o Executivo afirma que “a aplicación dos coeficientes reductores está prevista para aquelas actividades de natureza excepcionalmente penosa, tóxica, perigosa ou insalubre nas que se acusen uns elevados índices de morbilidade ou siniestralidade”. Considerando que “a actividade profesional desenvolvida polas redeiras, se ben en ocasións pode levarse a cabo en condicións non moi saudábeis, non se apreciaron ningunha das características antes descritas”.

Para Alexandra Fernández o Goberno oferece unha resposta contraditoria, xa que “implícitamente e aínda que sexa parcialmente, está a recoñecer que fan o seu labor en condicións non moi saudábeis, ao tempo que afirma que non contan coas características. É a negativa pola negativa”.

As redeiras levan décadas loitando pola dignificación laboral

A deputada de En Marea trasladaba ao Goberno unha “demanda histórica do colectivo de redeiras, que levan anos reclamando unha redución da idade de xubilación debido ás condicións de penosidade e insalubridade que reviste o labor de tecer e reparar redes. Un traballo que conleva numerosas doenzas derivadas desta actividade profesional. Pasan moitas horas reparando redes na mesma posición o que lles provoca enfermedades relacionadas co aparato muscoesquelético, como artrose, lumbalxias e outras doenzas”.

Lembra Alexandra Fernández que no territorio galego hai máis dun millar de persoas adicadas a este labor, máis do 80% son mulleres, e levan décadas loitando pola dignificación das súas condicións laboráis, polo recoñecemento profesional da súa actividade, por salarios xustos, pola eliminación da fenda salarial ou batallando contra o intrusismo laboral. A redución dos coeficientes reductores é unha das súas máis vellas reivindicacións, e que para Alexandra Fernández, “está perfectamente xustificada para calquera que observe o seu labor”.