O goberno reuniuse cos colectivos da vila para informar das subvencións culturais e deportivas

Publicado por o día 06/02/2018 na sección de Bueu,Galicia

O goberno reuniuse cos colectivos da vila para informar das subvencións culturais e deportivas

O salón de plenos do Concello de Bueu acolleu este luns, a partir das 18.30 horas, unha reunión cos colectivos culturais e deportivos da vila para aclarar diversos aspectos técnicos e legais relacionados coas bases de subvencións cuxa convocatoria se abrirá en vindeiras semanas. Na xuntanza estiveron presentes Félix Juncal, alcalde da vila, Xosé Leal, concelleiro de cultura, Manolo Otero, edil de deportes, e o interventor municipal. A finalidade era explicar as cuestións técnicas de solicitude das axudas, así como os requisitos para a súa xustificación, así como aclarar as dúbidas sobre o procedemento.

Segundo informou o interventor municipal, a Lei de Subvencións Estatal vén de introducir unha modificación importante, relativa á publicidade das subvencións, que dende agora se terán que publicar nunha Base Nacional de Datos de Subvencións (pertencente ao Ministerio). Por este motivo, as bases se publican primeiro no BOPPO, a continuación na base de datos, e posteriormente no BOPPO de novo, de xeito que é a partir desta segunda publicación cando comezará a contar o prazo de presentación de solicitudes. En canto á xustificación, deberá presentarse unha instancia de solicitude de pagamento asinada polo presidente, ademais dunha memoria de actividades e unha relación clasificada dos gastos e facturas por importe da subvención concedida.

En liñas xerais, o goberno xa avanzou que as bases das subvencións serán similares ás do pasado ano, aínda que con pequenas modificacións.