O Goberno de Vigo adica un millón de euros á contratación en entidades sen ánimo de lucro

O Concello xa aprobou as bases e a convocatoria do programa, que se resolverá por concorrencia competitiva. O obxectivo, explicou o alcalde este luns, é fomentar o emprego en ocupacións de “utilidade social”, a través de entidades veciñais e culturais, sociais e asistenciais, empresariais, deportivas, sindicatos e comunidades de montes.
Publicado por o día 27/02/2017 na sección de Concello de Vigo,Vigo

O Goberno de Vigo adica un millón de euros á contratación en entidades sen ánimo de lucro

O goberno de Vigo vén de aprobar as bases e a convocatoria de subvencións para o fomento do emprego en entidades sen ánimo de lucro, programa ao que o Concello adica un millón de euros do Plan Municipal de Emprego deste ano.

O obxectivo, afirmou Abel Caballero, pasa por incentivar a inserción laboral en “ocupacións de utilidade social”, polo que se establecen seis áreas ás que poden optar as organizacións: entidades veciñais e culturais, sociais e asistenciais, empresariais, deportivas, sindicatos e comunidades de montes. As entidades reciben axudas económicas do Concello para que poidan contratar.


O plan se desenvolverá ata o último trimestre do presente ano, engadiu o rexedor vigués, quen desvelou que esta convocatoria “ten moi boa acollida”, xa que “proporciona moito apoio a entidades sociais que dificilmente poderían facer o seu traballo sen esta cuestión”.

Bombeiros
O goberno vigués deu luz verde á adquisición de material para o Servizo de Bombeiros, tal e como informou Abel Caballero. Trátase dun grupo de aspiración, un equipo de excarceración, un xerador de corrente e dun compresor de aire, lotes que se adxudican en máis de 225.000 euros. “Queremos que o material dos Bombeiros de Vigo sexa o mellor posible”, asegurou Caballero, polo que “engadimos estes novos equipos” para a atención de emerxencias.