O goberno de Vigo adicará 350.000 euros a novas axudas para alumnado da Universidade de Vigo

O alcalde deglosou este venres parte da política social programada polo Concello para o 2018 nos seus orzamentos, entre a que destacou unha nova partida de becas “de comedor e de inglés” para estudantes da Universidade de Vigo. Este novo programa se engade aos case 2 millóns para estadías no estranxeiro de alumnado de ESO e da Escola de Idiomas de Vigo.
Por o 03/11/2017 | Sección: Concello de Vigo,Galicia,Universidade de Vigo,Vigo
O goberno de Vigo adicará 350.000 euros a novas axudas para alumnado da Universidade de Vigo

Tras presentar onte o orzamento que presenta o goberno vigués para o próximo ano, este venres Abel Caballero detallou algunhas das partidas sociais que non figuran no orzamento da concellería, destacando accións de carácter social en educación, emprego, igualdade, participación cidadá ou transporte público.

O Concello de Vigo incorpora no 2018 unha nova partida de axudas a estudantes. “Imos adicar 350.000 euros a bolsas de comedor e de inglés a estudantes da Universidade de Vigo”, explicou Abel Caballero, como parte da “nosa cooperación” co alumnado da nomeada institución.

Esta nova liña de bolsas de estudos por parte do Concello se engade aos case dous millóns de euros que destina en 2018 o goberno vigués ao programa de estadías no estranxeiro, tanto para alumnado da ESO como da sede viguesa da Escola Oficial de Idiomas.

As contas presentadas polo goberno de Vigo para o próximo ano rexistran un incremento do 4% na concellería de Política Social, ata os 14,9 millóns de euros, mais o alcalde enumerou partidas sociais incluidas noutros departamentos.

Así, Caballero subliñou que, en Igualdade, figuran 13.000 euros para campañas contra a violencia de xénero, 48.0000 euros para actividades de igualdade e deporte feminino, 241.000 euros para o Centro de Emerxencia, 158.000 máis para o programa Kanguros ou 155.000 euros ao Plan municipal de igualdade de oportunidades.

En Emprego, o alcalde citou programas de inserción laboral (1,5 millóns), para mulleres vítimas de violencia de xénero (125.000 euros), para menores de 30 anos (225.000 euros), o acordo con Érguete (540.000 euros) ou convenios coa Rede de Mulleres contra os Malos Tratos e coa Fundación Secretariado Xitano.

Abel Caballero fixo especial fincapé nas partidas sociais agrupadas nas contas de Educación, amais das citadas bolsas de estudos. Por exemplo, o goberno de Vigo subvenciona con preto de 200.000 euros cada unha das oito escolas infantís municipais, nas que os usuarios pagan a metade do que abonan nas de titularidade autonómica. Caballero tamén citou o gasto nas escolas municipais de Música (394.000 euros), de Teatro (92.000 euros), a E-Trad (217.000 euros) e de Danza (133.000 euros), xunto aos case 1,2 millóns para a Escola Municipal de Artes e Oficios, totalmente gratuita para os seus alumnos.

En materia de Xuventude, o goberno vigués reserva 205.000 euros para os campamentos de verán e 200.000 euros para as ludotecas da Casa da Xuventude, Coia, de APAMP e das asociacións veciñais de Coruxo e Lavadores. En Participación Cidadá anotou distintos convenios con entidades como Anhida, Feafes, Agarimo, as asociacións de Persoas Xordas de Vigo e de Nenos Diabéticos, e a Fundación IgualArte.

O alcalde engadiu os 12,7 millóns que destina o Concello a subvencionar as viaxes da cidadanía viguesa no autobús urbano, fundamentalmente con criterio renda. Caballero recordou que as tarxetas bonificadas benefician as estudantes, universitarios, desempregados ou pensionistas.