O goberno de Vigo aproba demolicións en Navia para o desenvolvemento de vivenda protexida

A Xerencia de Urbanismo outorga licencias para a derruba de varias construcións nas rúas San Paio, Cañiza e Serra. O alcalde, Abel Caballero, destaca a necesidade de vivenda de protección en Vigo e os atrasos que acumula a Xunta no PAU de Navia.
Publicado por o día 06/02/2018 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O goberno de Vigo aproba demolicións en Navia para o desenvolvemento de vivenda protexida

O Concello de Vigo autorizará este xoves na Xerencia de Urbanismo a demolición de construcións para ampliar o PAU de Navia e poñer vivenda protexida a disposición dos vigueses. Trátase de licencias para a derruba de cinco edificacións, máis varios anexos como garaxes ou alboios, nas zonas da rúa San Paio, Camiño da Serra e rúa Cañiza.

O alcalde destacou que se trata dun “novo paso” despois de “oito anos de paralización” por parte da Xunta de Galicia e recordou que Vigo ten “unha gran débeda” en canto a vivendas de protección. “O único plan para ofrecer aos vigueses vivenda protexida está en Cambeses e na rúa Chantada grazas a que o Concello cedeu os terreos”, apuntou Caballero.

Neste caso as derrubas para desenvolver o Plan Parcial de Navia afectan a tres construcións da rúa San Paio, unha no Camiño da Serra e outra na rúa Cañiza, en total uns 1.500 metros cadrados que permiten ampliar o PAU en dirección a Samil, Avenida Europa e rúa Porriño.