O goberno de Vigo continúa coa humanización de Marqués de Valterra, que inclúe un ascensor a Torrecedeira

Caballero informou este venres da licitación -por 871.000 euros- da remodelación da rúa, que engade aos estándares habituais de calidade das humanizacións a instalación dun elevador acristalado á altura da rúa Instituto Oceanográfico. O alcalde tamén anunciou a aprobación das reformas de José Frau e Camilo José Cela.
Publicado por o día 13/10/2017 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este venres a contratación das obras de humanización de Marqués de Valterra, na súa segunda fase, cun prazo de execución estimado en oito meses e un importe de licitación de 871.000 euros. Esta actuación municipal, que inclúe a instalación dun elevador, forma parte do proxecto EDUSI Vigo Vertical, para o que Vigo obtivo 15 millóns de fondos europeos.

Caballero explicou que Marqués de Valterra é un vial “danado” nunha das súas beirarrúas polos efectos das naves industriais, unha rúa que o Concello está a humanizar nas súas partes habitadas. A segunda fase da reforma comprende entre as rúas Gaiteiro Portela e Juan Ramón Jiménez.

O alcalde indicou que a humanización conlevará a calidade habitual destas melloras, con beirarrúas en granito, novas redes de servizos, iluminación, mobiliario urbano ou arborado, e engadirá a instalación dun ascensor acristalado que conecte con Torrecedeira á altura da rúa Instituto Oceanográfico.

Este será un dos dous elevadores cos que contará Marqués de Valladares, pois o Concello xa traballa no proxecto dun segundo ascensor na confluencia con Juan Ramón Jiménez, á altura do que o goberno vigués xa ten contratado no parque Camilo José Cela para unir Torrecedeira e Pi y Margall, onde xa funciona o que sube ata a Avenida das Camelias.

Camilo José Cela e Pintor José Frau
A última reunión da Xunta de Goberno Local deu luz verde á aprobación dos proxectos básicos e de execución de dúas novas humanizacións. A remodelación de Camilo José Cela presenta un orzamento de 667.000 euros e sete meses de obras, no tramo que vai desde Chano Piñeiro ata Coruña. A rúa, indicou Caballero, ten unha “densidade de poboación importante” e está “moi deteriorada”, polo que se vai humanizar con novos pavimentos, abastecemento, alumeado, pluviais, rego, xardineiras, arborado, sinalización e mobiliario urbano.

En segundo lugar, o goberno vigués licitará a humanización de Pintor José Frau en 600.000 euros e seis meses de prazo estimado de obras. A reforma, expuxo Caballero, renovará as redes de servizos soterradas, pavimentos, alumeado, bancos, papeleiras e novo arborado. Nesta rúa, engadiu o alcalde, o Concello porá en valor a obra do pintor José Frau mediante vinilos adhesivos sobre vidro e montados nun marco de acero inoxidable, cun formato “moi novidoso”, pois terá ilusións ópticas a través de impresións en distintos planos. O Concello de Vigo tamén proxecta unha escultura do pintor que da nome á rúa, con información do artista en braille e en códigos QR.

Emprego
No relativo á Xunta de Goberno Local, o alcalde deu conta de dous expedientes de apoio ao emprego dos menores de 30 anos. Por un lado, o Concello resolveu a concesión de subvencións para axudas á contratación e mellora do emprego da mocidade viguesa, por un importe de 32.000 euros con 14 empresas beneficiarias, un programa mediante o que o goberno vigués incentiva económicamente as novas contratacións e a transformación de temporais en indefinidos, conha subvención maior no caso de mulleres e/ou vítimas de violencia de xénero.

Por último, o goberno de Vigo aprobou a segunda convocatoria do proxecto “Vigo polo emprego da mocidade” e a solicitude dunha subvención europea de 80.000 dos 100.000 euros totais do proxecto. O programa contempla formación común e específica para menores de 30 anos, en idiomas, alfabetización informática, novas tecnoloxías e procura de emprego, seguida de módulos de formación individuais e prácticas profesionais. O Concello prioriza aquí a formación de mulleres, discapacitados, inmigrantes e parados de longa duración.