O goberno de Vigo continúa coas políticas de creación directa de postos de traballo

Por o 10/10/2016 | Sección: Concello de Vigo,Vigo
O goberno de Vigo continúa coas políticas de creación directa de postos de traballo

Abel Caballero informou da aprobación na Xunta de Goberno Local das axudas á contratación da xuventude viguesa cun importe próximo aos 100.000 euros para empregar a 40 persoas e tamén o convenio cos comerciantes de Príncipe para crear seis postos de traballo. Ademais, prorrogouse o convenio do Consorcio Galego de Benestar que atende a 120 persoas do programa “Xantar na Casa”.

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a convocatoria e as bases reguladoras das Axudas á contratación e mellora do emprego da xuventude viguesa 2016 cun importe de “case 100.000 euros que se traducirá na contratación de case corenta persoas” segundo expuxo o alcalde. Tamén lle deu o visto ao convenio de colaboración coa Asociación de Comerciantes da rúa do Príncipe de Vigo no marco do fomento do emprego para a potenciación da actividade comercial nesa zona céntrica. Son 50.000 euros cos que poderán crearse 6 postos de traballo.

Abel Caballero apuntou que o seu goberno dedica en xeración directa de emprego case 4 millóns e medio de euros que permiten a contratación de “600 persoas” a través de diferentes programas: Vigo Emprega (dotado con 1,5 millóns de euros), o Convenio con Érguete para os coidadores de Barrio, cun importe de 640.000 euros, o convenio con Citroën (300.000 euros), o Convenio con Conxemar (100.000 euros), axudas á creación de empresas (100.000), axudas á mocidade emprendedora (100.000 euros), axudas a ONGS (1.000.000 de euros e outros convenios, convocatorias e coworking ata o total do importe.

Na Xunta de Goberno Local tamén quedou autorizada a prórroga do convenio de colaboración co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para o desenvolvemento do programa “Xantar na casa” co que o Concello leva comida á casa das persoas con dificultades para valerse por si mesmas para alimentarse e co que se atende a 120 usuarios nun “servizo fundamental” en palabras do rexedor.

Ademais, deuse o visto bo ao nomeamento da dirección facultativa e da coordinación de seguridade e saúde das obras de mantemento e reparación dos campos de fútbol de Comesaña e Meixoeiro no que o Concello inviste 154.000 euros.

Noticias de última hora en Vigo