O goberno de Vigo inicia a próxima semana obras por valor de 4,5 millóns

Caballero anunciou o comezo a próxima semana dos traballos de humanización de Canceleiro, da segunda fase da reforma de Marqués de Valterra, de remodelación integral do parque Camilo José Cela (que inclúe un ascensor entre Torrecedeira e Pi y Margall) e de cobertura dos patios dos colexios Virxe do Rocío e Carballal.
Publicado por o día 25/01/2018 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O goberno de Vigo inicia a próxima semana obras por valor de 4,5 millóns

O alcalde de Vigo avanzou este xoves que o goberno que dirixe comezará a próxima semana obras por valor de 4,5 millóns de euros.

Abel Caballero informou do inicio dos traballos de humanización da rúa Canceleiro, entre as rúas Rosalía de Castro e García Barbón. Neste mesmo entorno, como informara onte o rexedor, o goberno de Vigo vén de aprobar o proxecto para humanizar as rúas Roupeiro, Heraclio Botana e Serafín Avendaño.

Tamén a próxima semana comeza a segunda fase da humanización de Marqués de Valterra “por fin”, saudou o alcalde, despois de que “as catas arqueolóxicas nos retrasaran ano e medio”. Esta actuación contempla un ascensor acristalado de conexión con Torrecedeira, á altura de Instituto Oceanográfico, un segundo elevador que se suma ao que o Concello prevé dispor á altura de Juan Ramón Jiménez.

A terceira reforma que arrancará a vindeira semana é a reforma do parque Camilo José Cela, entre Torrecedeira e Pi y Margall, onde se construirá outro elevador na mesma perpendicular do anunciado entre Marqués de Valterra e Torrecedeira e do xa operativo entre Pi y Margall e Camelias. “Cando esto conclúa, a comezos do ano 2019, poderemos ir desde Beiramar ata Camelias en dous minutos, en tres saltos de ascensor”, puxo en valor o alcalde. Este proxecto forma parte do Vigo Vertical, cofinanciado con fondos FEDER da Unión Europea.

Por último, o goberno de Vigo empezará a próxima semana cos traballos para cubrir os patios dos colexios Virxe do Rocío e Carballal, por importe total algo superior aos 610.000 euros. Abel Caballero recordou que o Concello acometerá a mesma mellora no colexio Canicouva -pendente do visto bo de Patrimonio- e que as contas municipais deste ano inclúen unha partida de case medio millón de euros para novas cubricións de patios de colexios, unha competencia e responsabilidade da Xunta de Galicia, segundo denunciou.

Santa Irene
O alcalde informou ademais que “estamos procedendo á recuperación e reparación da valga do Instituto Santa Irene, un edificio emblemático en Vigo” cun peche perimetral de décadas de antigüidade. Pese a corresponderlle á Xunta de Galicia, ao tratarse dun instituto de Secundaria, “non estamos dispostos a permitir que se estea deteriorando aquel entorno”, aseverou Caballero, polo que o Concello acometerá a reforma.