Goberno de Vigo licita a remodelación do parque Camilo José Cela por 2,8 millóns

A Xunta de Goberno Local aprobou o expediente de contratación do novo proxecto do Vigo Vertical, unha completa redefinición do parque, entre outros aspectos, cun ascensor entre Torrecedeira e Pi y Margall e unha gran área infantil. O Concello adica ao efecto 2,8 millóns, explicou Caballero.
Publicado por o día 21/10/2017 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

Goberno de Vigo licita a remodelación do parque Camilo José Cela por 2,8 millóns

O alcalde de Vigo informou este venres da aprobación en Xunta de Goberno Local do expendiente de contratación do proxecto de implantación das políticas de desenvolvemento urbano sostible -Vigo Vertical- na rúa Juan Ramón Jiménez, entre Torrecedeira e Pi y Margall, por importe total de 2,8 millóns de euros.

O goberno de Vigo, explicou o rexedor, proxecta unha reformulación completa do parque Camilo José Cela, que inclúe un ascensor que conectará Torrecedeira con Pi y Margall, onde xa funciona o elevador que une esta coa Avenida das Camelias. O novo ascensor do parque estará dotado de cámaras de seguridade e estará emprazado na parte máis próxima a Juan XXIII, explicou Caballero.

Ademais do elevador, a actuación municipal contempla a renovación dos pavimentos e a redistribución dos espazos e dos servizos do parque. Caballero avanzou que se remodelará a parte alta do parque (á cota de Pi y Margall) e se creará un área de xogo para os máis pequenos, “un macro parque infantil”.

O Concello contempla unha redistribución dos existentes e a prantación de novas árbores e novas zonas verdes, xunto á execución dun colector de pluviais para conectar a rede separativa de Pi y Margall e Torredeira, un novo sistema de drenaxe, un novo colector de saneamento, novas redes de rego e alumeado, e novo mobiliario urbano.

García Lorca
En rolda de prensa, Caballero informou da adxudicación da humanización de García Lorca, cun orzamento de 1.460.000 euros para o treito que comprende entre as rúas Darío Durán e a Avenida da Florida. Nun prazo de oito meses, o Concello cambiará no nomeado vial todos os firmes, renovará o abastecemento, o saneamento e a rede de pluviais, a iluminación, instalará nova sinalización horizontal e vertical, novo mobiliario urbano, bancos, zonas axardinadas, sistema de rego e suprimirá as barreiras arquitectónicas.

Asfaltados
O goberno vigués deu luz verde á adxudicación das obras de substitución de firmes nas parroquias. En virtude deste contrato, anotou o alcalde, o Concello asfaltará Camiño do Viñó (Coruxo), estrada de Beirán (Matamá), rúa do Roupeiro (Matamá), camiño de Arieiro (Bembrive), estrada Marcosende (Zamáns), camiño do Cruceiro (Alcabre), camiño do Forte (Alcabre), camiño do Viloura (Castrelos), estrada de Miraflores (Sárdoma), camiño do Monte Vixiador (Candeán) e Avenida de Dona Fermina (Teis).

A estas melloras súmase un novo lote de asfaltados que o Concello xa ten rubricado coa empresa, nas rúas Covadonga e Eduardo Cabello (Bouzas), Arines, Couto e Marqués de Alcedo (no Castro) e na rúa Pastora (Praza de América). O goberno de Vigo, en acordo coa Deputación de Pontevedra, adica ao total destes viais máis de 900.000 euros.

Instalacións
Por último, o alcalde deu conta da adxudicación da contratación do subministro de material eléctrico para as instalacións de iluminación, fontes e túneles do Concello, un contrato por dous anos e 150.000 euros. Vigo conta en total con case 47.000 puntos de luz e 772 centros de mando de titularidade municipal.