O goberno de Vigo modifica a ordenanza para habilitar praias para cans no verán

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe xoves a modificación da norma, que terá que ser ratificada polo Pleno. Abel Caballero estimou que no mes de agosto xa estará habilitada unha ou máis praias para os cans.
Publicado por o día 20/07/2017 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O goberno de Vigo modifica a ordenanza para habilitar praias para cans no verán

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este xoves da aprobación da modificación da Ordenanza Municipal para a Protección e Tenencia de Animais, unha aprobación de carácter definitivo que terá que ser ratificada polo Pleno da Corporación.

Caballero recordou que o propósito desta modificación da norma era dar cabida legal ao uso por parte dos cans dunha ou máis praias da cidade tamén no verán, polo que se engadiu esta posibilidade no texto. O goberno de Vigo será o encargado de designar o areal apto para o nomeado uso.

O alcalde asegurou que hoxe xa podería haber praias para cans de non ser polo “bloqueo” do PP, que presentou alegacións á ordenanza sobre outros temas, pero ningunha enmenda sobre o propósito desta modificación, que era incluir o uso polos cans das praias durante o verán.

Abel Caballero explicou que a modificación aprobada polo goberno vigués debe ser ratificada polo Pleno da Corporación e entrará en vigor quince días despois da súa publicación no BOP. O rexedor estimou que no mes de agosto xa haberá alomenos unha praia apta para cans.

Barrio de Ribadavia
O goberno de Vigo tamén deu este xoves luz verde ao proxecto de obras de mellora nas rúas Ribadavia, Churrera, nas travesías 1ª e 2ª e nas escaleiras de acceso ás citadas travesías. As melloras afectarán á pavimentación, alumeado, mobiliario urbano e xardinería e tamén ás redes de servizo soterradas, como o abastecemento de agua, o saneamento e as augas pluviais, entre outras.

Xunto aos citados viais, o goberno de Vigo proxecta a humanización da rúa Colombia, con cargo ao superávit do Concello de 2016, cun orzamento próximo ao medio millón de euros.

Outros acordos
Abel Caballero tamén deu conta do convenio coa Orquestra Vigo 430 para levar adiante o programa “Vigo Sinfónico 2017”. O Concello, engadiu, achega 100.000 euros á sinfónica viguesa para a organización de nove concertos en distintos espazos da cidade. O alcalde censurou que a de Vigo é a única orquestra sinfónica de Galicia sen apoio da Xunta de Galicia, que pola contra achega dous millóns de euros ás asentadas na Coruña e en Santiago.

Por último, o rexedor informou da aprobación da convocatoria de subvencións para a participación de deportistas vigueses en competicións oficiais de alto nivel, para o que o goberno vigués destina 50.000 euros.