O goberno de Vigo traballa “en catro direccións” para “relanzar a edificación” na cidade

Para “relanzar a edificación en Vigo” e “corrixir a ausencia do Plan 2008”, o alcalde explicou este luns aos responsables de APEC que o Concello avanza en catro vías: a elaboración dun novo Plan Xeral, modificacións puntuais do Plan do 93, empregar a Lei 3/2016 de proxectos urxentes e presentar á Xunta propostas lexislativas adicionais.
Publicado por o día 26/09/2016 na sección de Concello de Vigo,Vigo

O goberno de Vigo traballa “en catro direccións” para “relanzar a edificación” na cidade

ras unha entrevista cos dirixentes da Asociación Provincial de Empresarios da Construción (APEC), o alcalde anunciou que o goberno que preside traballa “en catro direccións” para “relanzar a edificación en Vigo” e “corrixir a ausencia do Plan 2008” de urbanismo.

Caballero insistiu que o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo en vigor é o do 1993, que ofrece “seguridade xurídica total” mais “non se adapta ás necesidades actuais da cidade”, co que o Concello de Vigo avanza en varias direccións.

A primeira é a elaboración dun novo PXOM, toda vez que a proposta municipal coñecida como “vía Parejo” foi desestimada pola Xunta de Galicia nunha decisión que Caballero considerou “política”. O experto avogaba polo cumprimento da sentenza anulatoria do PXOM coa redacción dunha nova avaliación ambiental estratéxica -a causa da caída do Plan, en opinión do Supremo- por parte do goberno autonómico.

O segundo camiño sería impulsar “modificacións puntuais” do Plan de 1993 para ámbitos urbanísticos listos para desenvolver, indicou o alcalde, mentres que o terceiro pasaría por empregar plans sectoriais e a Lei 3/2016 de proxectos urxentes e de excepcional interese -a “Lei Vigo”, en verbas de Caballero- para levar adiante actuacións promovidas polas institucións públicas, o propio Concello, a Xunta de Galicia, o Goberno de España e a Zona Franca. O rexedor vigués citou as ampliacións do polígono de Citroën, do Parque Tecnolóxico e Loxístico de Valladares e a rehabilitación da Panificadora como exemplos.

A última das catro vías nas que traballa o Concello de Vigo sería presentar propostas “lexislativas” adicionais á Xunta de Galicia que “favorezan o desenvolvemento do PXOM en Vigo”.

Os responsables de APEC detectan demanda de novas vivendas na cidade, asegurou Caballero en declaracións aos medios, pero “falta a base xurídica”. Un dos ámbitos que o goberno de Vigo ve necesario acelerar é a segunda fase de Navia, que a Xunta de Galicia “ten paralizada desde hai seis anos”.