O goberno de Vigo valida o proxecto para adicar 1,1 millóns a un gran parque infantil e deportivo en Navia

O novo espazo contará cunha área infantil inclusiva con espazos diferenciados para menores e maiores de seis anos, unha zona multideporte para a práctica do fútbol sala, balonmán e baloncesto, e un recinto de descanso con mesas de xogos. O Concello tamén licita os novos parques infantís de Pedro Alvarado e Praza de Independencia, segundo informou o alcalde, con cargo ao superávit do pasado ano
Publicado por o día 16/12/2017 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O goberno de Vigo valida o proxecto para adicar 1,1 millóns a un gran parque infantil e deportivo en Navia

O novo espazo contará cunha área infantil inclusiva con espazos diferenciados para menores e maiores de seis anos, unha zona multideporte para a práctica do fútbol sala, balonmán e baloncesto, e un recinto de descanso con mesas de xogos. O Concello tamén licita os novos parques infantís de Pedro Alvarado e Praza de Independencia, segundo informou o alcalde, con cargo ao superávit do pasado ano.

Con cargo aos 18 millóns do superávit do Concello no ano 2016, o goberno de Vigo vén de aprobar o proxecto de creación dun gran parque infantil, deportivo e de descanso en Navia, para o que reserva 1,1 millóns de euros, tal e como informou este venres o alcalde.

Cun prazo de duración das obras de seis meses, o goberno que preside Abel Caballero proxecta habilitar en Navia un área de xogo infantil que contará con dous parques, un para menores e outro para maiores de seis anos. O deseñado para os menores de seis terá máis de medio centenar de xogos e incluirá, como elemento singular, un carrusel xiratorio e o circuito “Montaña máxica”, ambos accesibles para cadeiras de rodas. O de maiores de seis anos tamén será inclusivo e terá unha megapirámide dobre de cordas de 13 metros de altura e capacidade para 125 nenos, un gran xogo temático de circuito ou vías de tren tipo escalextric sobre montaña interior de xogos, un xogo múltiple en forma de tren locomotora, unha máquina xiratoria, un gran carrusel inclusivo e unha tirolina dobre.

Caballero explicou que o espazo deportivo incluido no proxecto será unha pista multideporte reglamentaria para a práctica do fútbol sala, baloncesto e balonmán. A área de descanso, engadiu o rexedor vigués, estará emprazada entre a deportiva e a infantil e terá bancos e mesas a modo de merendeiro, mesas de xogo de xadrez ou parchís, cargadores de móbiles, etcétera.

Pedro Alvarado e Praza da Independencia
O goberno de Vigo acordou ademais, e tamén con cargo ao superávit, a contratación das obras dos novos parques infantís de Pedro Alvarado e Praza da Independencia. No caso do de Teis, o Concello conta con medio millón de euros para este novo espazo e, durante os tres meses estimados de obras, contempla habilitar un novo parque no entorno da oficina municipal de distrito do barrio. Ambos parques engrosarán a oferta lúdica infantil en Teis.

Na Praza da Independencia, o Concello ampliará o parque infantil existente con 200.000 euros de gasto e tres meses de prazo estimado de obras. Abel Caballero puxo en valor este novo “macro parque infantil” que sumará xogos e suporá o acondicionamento do pavimento de caucho actual, un novo tratamento dos adoquíns e un novo sistema de iluminación.

O alcalde vigués enfatizou o gasto próximo aos dous millóns de euros en parques infantís so na pasada Xunta de Goberno Local. “Estamos facendo un Vigo para os nenos”, concluíu Caballero.