Gómez Reino: “A Feijóo non lle interesa a saúde das galegas, senón amañar a competición polo poder”

Galicia en Común-Anova Marea advirte que os informes nos que a Xunta basea a decisión de convocatoria de eleccións en xullo alertan da posibilidade dun rebrote da epidemia de Covid precisamente nesas datas
Publicado por o día 14/05/2020 na sección de En Común Unidas Podemos,Política

Gómez Reino: “A Feijóo non lle interesa a saúde das galegas, senón amañar a competición polo poder”

O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, valorou hoxe os informes sanitarios presentados onte polo presidente da Xunta para intentar xustificar a convocatoria de eleccións, e advertiu de que os expertos que os redactaron recoñecen a posibilidade de que a epidemia de Covid-19 experimente un rebrote en Galicia no mes de xullo. É dicir, xusto nas datas que Feijóo escolleu unilateralmente para celebrar os comicios.

“Existe a posibilidade certa e real de que as eleccións de xullo coincidan cun repunte da epidemia. Aínda peor: se non se producira ese rebrote, o propio proceso electoral, a precampaña, a campaña e o mesmo día das votacións, poderían ser un foco de reactivación dos contaxios”, dixo.

O voceiro da coalición explicou que os informes dos expertos sanitarios consultados por Feijóo subliñan que o comportamento do virus é “imprevisible”, que non está demostrado que a súa incidencia teña carácter estacional, e que é máis que probable que se observe un rebrote da epidemia nas próximas semanas e nos próximos meses.

“Galicia en Común quere celebrar eleccións canto antes para acabar cos anos de recortes, mentiras e propaganda de Feijóo. Pero non se iso significa arriscar a saúde da poboación. Sen embargo, sucede que a Feijóo non lle interesa a saúde das galegas, senón amañar a competición polo poder”, engadiu.

Nese sentido, Gómez Reino lamentou que Feijóo teña convocado hoxe ás voceiras das forzas políticas a unha reunión na que “non se falará da reconstrución de Galicia, nin da contención de epidemia, da situación nas residencias, da precariedade dos sanitarios ou do escudo social fronte á crise. Non, Feijóo reúnenos para falar de eleccións. Non lle interesa que as forzas políticas combatamos unidas ao virus e á crise. O que lle interesa e amañar a competición polo poder”, insistiu.

O portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas referiuse tamén ao informe dos servizos xurídicos da Xunta que aporta o presidente do Goberno galego para a avaliar a suposta legalidade da convocatoria electoral en xullo.

“Ese informe di literalmente que o proceso electoral que ía concluír en abril foi suspendido tras o acordo das forzas políticas galegas porque a emerxencia sanitaria esixía a aplicación de medidas incompatibles co normal desenvolvemento dun proceso electoral e, polo tanto, do libre e normal exercicio do dereito de sufraxio”, remarcou Gómez Reino.

«Está Feijóo en disposición de garantir que en xullo poderemos exercer libremente e en condicións de normalidade democrática o noso dereito ao sufraxio? Evidentemente, non”, concluíu.

Comentar noticia

Your email address will not be published.