Gómez Reino: “As eleccións ao Parlamento de Galicia só se poden celebrar en condicións de normalidade sanitaria e democrática»

O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas cre que Feijóo pon en risco o control da emerxencia sanitaria pedindo o levantamento do estado de alarma por mero interese electoral
Publicado por o día 04/05/2020 na sección de En Común Unidas Podemos,Grupo Común da Esquerda,Política

Gómez Reino: “As eleccións ao Parlamento de Galicia só se poden celebrar en condicións de normalidade sanitaria e democrática»

O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, mostrou hoxe a súa indignación ante a actitude “irresponsable” do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen reclamou o final do estado de alarma en Galicia a pesar de que as cifras de evolución da epidemia de Covid-19 demostran que a emerxencia sanitaria non está superada.

“O único interese que ten o Partido Popular no levantamento do Estado de alarma é un interese electoral. En Galicia, para que Feijóo poida convocar as eleccións autonómicas na data que máis lle convén a el, non ao país. E no resto do Estado, pola estratexia electoral de Pablo Casado, que só consiste en desgastar ao Goberno utilizando para iso a epidemia da Covid-19”, dixo.

Gómez Reino explicou que esa actitude, que sitúa a Feijóo e a Casado “ao lado de VOX”, está poñendo en perigo “o esforzo colectivo que teñen levado adiante os galegos e as galegas». «Facemos un chamamento a esa responsabilidade colectiva. Non podemos baixar a garda agora. As eleccións ao Parlamento de Galicia só se poden celebrar en condicións de normalidade sanitaria e democrática”.

O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas lamentou que Feijóo incumprira onte, de novo, o seu compromiso de reunir ás responsables das forzas políticas de Galicia e que faltara, unha vez mais, á súa palabra.

“É unha burla á cidadanía galega”, engadiu.

Gómez Reino lembrou que a única estratexia do presidente da Xunta durante a emerxencia sanitaria consistiu en “desprezar” á oposición e ao Parlamento de Galicia, en dificultar o traballo do Goberno central con críticas sistemáticas e destrutivas sen ofrecer alternativas razoables, e en obstaculizar a tarefa dos expertos negándose a facilitarlles os datos que reclaman sobre a evolución da epidemia.

“Feijóo pide diálogo pero négase a reunirse coa oposición; pide transparencia e oculta datos, critica o plan da desescalada do Goberno pero non propón ningunha alternativa… O único que pretende é sacar rédito electoral desta crise”, concluíu.

Gómez Reino: “Feijóo silencia novamente á oposición e impide que Galicia poida dar unha resposta coordinada á crise e a emerxencia sanitaria”

O portavoz de Galicia en Común- Anova Mareas, Antón Gómez Reino, lamentou hoxe a actitude do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, quen vulnerou unha vez máis o seu compromiso de reunir semanalmente aos responsables das forzas políticas galegas para informarlles sobre a evolución da crise derivada da epidemia de  Covid-19.

“Feijóo debería asumir a súa responsabilidade e liderar a resposta unida de todas as institucións galegas para combater a epidemia e os seus efectos socioeconómicos. Pero, no canto diso, ignora á oposición, actúa en solitario e rexeita o apoio que lle brindamos”, dixo.

“Con esa actitude, Feijóo despreza ao conxunto da cidadanía de Galicia, que desde o inicio da emerxencia sanitaria leva demandando solidariedade e cooperación fronte á crise”, engadiu o portavoz de Galicia en Común- Anova Mareas. Tamén lembrou que Feijóo “preside un Goberno interino” tras a suspensión das eleccións autonómicas, e que non está lexitimado “para actuar en solitario”. “Feijóo silencia novamente á oposición e impide que Galicia poida dar unha resposta coordinada á crise e á emerxencia sanitaria”.

Gómez Reino lembrou que non é a primeira vez na que o xefe do Executivo galego incumpre o acordo de reunir cada semana aos portavoces da oposición para buscar unha actuación coordinada ante a emerxencia sanitaria. Como sucedeu nas ocasións anteriores, este domingo nin sequera informou das razóns que lle levan a non convocar esas reunións.

“Feijóo actúa con deslealdade cara á cidadanía de Galicia e cara á do conxunto do Estado. Durante semanas dedicouse a defender intereses electorais criticando sistematicamente as medidas de confinamento recomendadas polos expertos, proporcionou datos manipulados e  incompletos, atrasou a aprobación de expedientes de regulación de emprego, deixou desamparados a miles de usuarios e traballadores de residencias da terceira idade e a sanitarios do Servizo Galego de Saúde que a día de hoxe seguen tendo que concentrarse nos hospitais para reclamar medios para salvar vidas”. “En todo este tempo, salvo insinuar que quere adiantar as eleccións, Feijóo non tomou nin unha soa medida que poida facer pensar aos galegos nunha resposta coordinada para que salgamos canto antes desta crise”.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.