Gómez Reino asegura que o vindeiro Goberno de progreso “garantirá que nos terreos de Vulcano en Vigo se constrúen barcos”

O candidato á presidencia da Xunta de Galicia en Común-Anova Mareas esixe a Feijóo que cese ao presidente da Autoridade Portuaria, Enrique López Veiga, por obstaculizar a viabilidade do estaleiro
Publicado por o día 12/06/2020 na sección de En Común Unidas Podemos,Galicia,Naval,Política,Vigo

Gómez Reino asegura que o vindeiro Goberno de progreso “garantirá que nos terreos de Vulcano en Vigo se constrúen barcos”

O candidato á presidencia da Xunta de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, esixiu hoxe ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o cesamento inmediato do presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique López Veiga, quen leva meses bloqueando a posibilidade de reactivar a actividade dos estaleiros de Vulcano nos peiraos de Guixar “cunha actitude obstaculizadora que pon en perigo o matemiento de decenas de postos de traballo”.

Gómez Reino, a cabeza de lista de Galicia en Común por Pontevedra, Eva Solla, e á número dous da lista, Iria Figueroa, reuníronse esta mañá co comité de empresa de Vulcano, nun encontro no que os traballadores explicaron que o presidente da Autoridade Portuaria iniciou unha batalla política e xudicial para impedir que nas instalacións de Vulcano no porto de Vigo se desenvolva un proxecto empresarial que permitiría retomar nelas a actividade industrial naval.

Durante o encontro, as candidatas aseguraron que o Goberno de progreso que impulsará a coalición a partir do próximo 12 de xullo “poñerá todos os recursos da Administración autonómica ao dispor do mantemento dos postos de traballo e do tecido industrial da cidade”.  «Que ninguén dubide de que o noso Goberno garantirá que nos terreos de Vulcano vanse construír barcos», manifestou Gómez Reino.

A cabeza de lista por Pontevedra, Eva Solla, lembrou que Feijóo ten plenas competencias en materia industrial pero que durante once anos “non só non fixo nada por apoiar ao sector naval de Vigo, senón que puxo en perigo a súa continuidade”. Primeiro, coa errada operación para reflotar Hijos de J. Barreiras a través da empresa Pemex, cuxa derivada xudicial aínda está por resolver tras a detención e procesamento por corrupción dos executivos da compañía mexicana. Despois, ao negar calquera apoio á viabilidade de Vulcano. “O sector naval vigués perdeu 300 empregos nos últimos anos pola actitude irreponsable e desleal de Feijóo”, lamentou.

Pola súa banda, Iria Figueroa reiterou a esixencia a Feijóo para que aparte do seu cargo ao actual presidente da Autoridade Portuaria, e lembrou que as competencias para o seu nomeamento e cesamento corresponden á Xunta de Galicia. Tamén subliñou a necesidade de que un Goberno de progreso aposte en firme por reconstruír o tecido industrial de Galicia con medidas de apoio e impulso á súa actividade.