Gómez Reino: “É responsabilidade de quen convocou as eleccións asegurar que todas as galegas poidan votar con garantías”

Luca Chao: “O Partido Popular cree que está por riba da Constitución dicindo que a xente da Mariña non vai poder exercer o seu dereito fundamental ao voto”
Publicado por o día 06/07/2020 na sección de En Común Unidas Podemos,Política

Gómez Reino: “É responsabilidade de quen convocou as eleccións asegurar que todas as galegas poidan votar con garantías”

O candidato de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, asistiu esta tarde ao concello coruñés de Teo para animar á veciñanza a acudir a votar o domingo para “ter un goberno á altura da súa sociedade”. No acto estivo acompañado dos números 2 e 3 pola provincia da Coruña, Luca Chao e Martiño Noriega.

Antón Gómez Reino cualificou a campaña como “decisiva para ter un goberno que revirta as privatizacións, aborde a defensa inquebrantable do público e lle peche a porta a un Alberto Núñez Feijóo cuxo único interese é substituír a Pablo Casado en Madrid”.

Gómez Reino asegurou que “Feijóo leva moito tempo sen exercer as súas competencias, pero o que pasou estes meses cun goberno ausente de todas as súas responsabilidades é indigno para este país”. Pola contra chamou a “pelexar cada voto” para ter a partir do 13 de xullo un goberno que “asuma as súas competencias e aplique o artigo 30 do Estatuto de Autonomía para salvar Alcoa”.
O candidato e voceiro da coalición apelou á “absoluta irresponsabilidade de Feijóo ao convocar unhas eleccións en contra do criterio de toda a oposición, amosando que o seu único interese era partidista. É responsabilidade de quen convocou as eleccións”, continuou Gómez Reino, “asegurar que todas as galegas poidan votar con garantías”.
A número dous pola provincia da Coruña, Luca Chao, fio fincapé en que “quedan cinco días ata que o domingo nos fagamos unha pregunta fundamental que é quen vai estar nas institucións para xestionar a saída á crise do coronavirus”. Luca Chao referiuse especialmente á mocidade e ás mulleres que “estamos fartas de ser un país que exporta talento, que se incumplan os compromisos en I+D+I porque temos talento abondo para ser vangarda, mais só falta un goberno á altura”.
Luca Chao insistiu na “necesidade de implicarnos dende abaixo nesta campaña histórica”, marcada pola crise do coronavirus. “O Partido Popular”, continuou a candidata, “cree que está por riba da Constitución dicindo que a xente da Mariña non vai poder exercer o seu dereito fundamental ao voto”.
Martiño Noriega, emocionado por voltar a Teo, interpelou aos veciños e veciñas a achegarse a votar con ilusión o domingo para elixir “entre dous modelos antitéticos. Un que representa Feijóo e no que está moi cómodo buscando espazos de negocio e outro que aposta polas políticas públicas”.
Nese sentido volveu poñer en valor “o traballo feito no goberno do Estado por compañeiras como Yolanda Díaz á que esta fin de semana nos actos de Pontevedra, Vigo e Cangas a paraban pola rúa para dicirlle: grazas, Ministra”. O número 3 pola Coruña referiuse á situación do rebrote da Mariña con máis casos positivos agora “nunha soa provincia que en toda Galicia cando se decretou o estado de alarma” aludindo a un Feijóo que “prefire salvagardar o seu futuro político que a saúde do conxunto do país”.
O alcalde de Teo, Rafael Sisto puxo en valor unha candidatura “da que formamos parte e que terá un peso predominante no novo goberno que se constituirá en Galicia a partir do vindeiro luns”. Sisto cualificou estes comicios como unha “revancha histórica” e puxo en valor a xenerosidade de todas as formacións que forman parte de Galicia en Común porque “é o momento da pluralidade e de rematar cos reximes únicos como o que representa o señor Feijóo”.
Antón Gómez Reino, Luca Chao e Martiño Noriega reuníronse con carácter previo ao acto coas equipas directivas dos CEIP da Ramallosa e Calo e as respectivas ANPAS, «Río Tella» e «A Rabadela» que lles trasladaron a súa preocupación pola falta de información da Consellería de Educación e da Xunta en relación a como se artellará o curso que vén tras a pandemia da Covid19. Dende os centros educativos denuncian a falta de transparencia e de información do goberno galego en relación a como funcionarán servizos como o comedor ou o transporte escolar.

Comentar noticia

Your email address will not be published.