Gómez Reino: “Feijóo é o responsable directo da falta de democracia e de saúde na Mariña”

Alberto Garzón: “Aínda que esconda as siglas, Feijóo é PP e ao PP non lle interesa nin Galicia nin a xente traballadora, só o Partido Popular”
Publicado por o día 08/07/2020 na sección de En Común Unidas Podemos,Galicia,Política,Vigo

Gómez Reino: “Feijóo é o responsable directo da falta de democracia e de saúde na Mariña”

Antón Gómez Reino desprazouse esta mañá ao Hotel Coia de Vigo cando restan tan só dous días de campaña electoral e catro para votar o 12 de xullo.  O candidato de Galicia en Común-Anova Mareas estivo acompañado do número 3 pola provincia da Coruña, Martiño Noriega; a cabeza de lista por Pontevedra, Eva Solla; a número dous pola mesma provincia, Iria Figueroa e o ministro de Consumo, Alberto Garzón.

Gómez Reino anunciou que Galicia en Común-Anova Mareas acaba de “presentar un recurso ante a Junta Electoral Central en Madrid para que se garanta o dereito a saúde e o sufraxio da cidadanía da Mariña” mentres indicou que “o señor Feijóo é o único responsable da falta de democracia e saúde da Mariña ao convocar unhas eleccións unicamente por intereses electorais. Non imos permitir que eses intereses electorais de Feijóo se poñan por diante da saúde”.

Gómez Reino comprometeu que “esta tarde cando nos reunamos co persoal de Alu Ibérica na Coruña dirémoslle que se o señor Feijóo non exerce de aquí ao domingo as súas competencias, a partir do luns chegará un goberno que aplicará o artigo 30 do Estatuto de Autonomía de Galicia. Un goberno que chamará ao grupo Riesgo para exixirlle un plan industrial, que intervirá Alcoa e botará ao señor López Veiga para que deixe de poñer en perigo Vulcano”, insistiu.

O candidato puxo de manifesto ante as persoas que acudiron ao Hotel Coia de Vigo que “quedan dous días de campaña e moi poucos votos”. Nese sentido indicou que “hai unha maioría social progresista se leva expresando durante anos pola sanidde, polas pensións e pola educación pública. Por iso”, insistiu, “a tarefa de todas é mobilizar cada voto e vencer as enquisas. O voto a Galicia en Común vale doble porque garantiza políticas públicas de esquerdas e a derrota do PP”.

Pola súa banda, o ministro de Consumo manifestou o seu apoio “a unha candidatura que é a que mellor reflicte o que precisa Galicia e a súa xente traballadora” como contraposición a un “Feijóo que aínda que esconda as súas siglas é o mesmo Partido Popular que nin se preocupa por Galicia nin pola xente traballadora, senón unicamente polo Partido Popular”.

“Galicia necesita un goberno de esquerdas e a Antón de presidente”, continuou o ministro “porque hai outra maneira de facer as cousas para que a política cambie” poñendo en valor a maneira que tivo o goberno do Estado de facer fronte á crise derivada do coronavirus.

“En 2008 disparouse a desigualdade ao dispararse os recortes e precarizarse o emprego. A diferenza daquela forma de xestionar unha crise, soubemos facer as cousas doutro xeito, o que resulta insorportable para a xente que durante os últimos anos se beneficiou daquela forma de xestionar”.

Na súa cidade, Eva Solla, puxo sobre a mesa a ausencia dun protocolo por parte da Xunta de Galicia para conter o coronavirus no país mentres “levan dende febreiro facendo precampaña sen importarlles o máis mínimo poñer en perigo a saúde de todos e todas e sen medidas”. Solla criticou “os cheques da vergoña cos que, catro meses despois do comezo da pandemia, o señor Feijóo quere sobornas aos nosos profesionais sanitarios” e lembrou que “o que queren os profesionais da sanidade ou as persoas autónomas do país non é a esmola do Partido Popular senón condicións dignas de traballo” en alusión ao 40% do persoal de enfermería que ten contratos eventuais no SERGAS, “a maior ETT de Galicia”.

“O vindeiro día 12 as urnas teñen que estar cheas de votos para Galicia en Común”, continuou Eva Solla quen se preguntou “se o Partido Popular tivera gobernado no conxunto do Estado durante a pandemia, teríanse aprobado medidas como as que forman parte do Escudo Social?”.

Martiño Noriega sinalou a Feijóo “como o irresponsable responsable do acontecido nas residencias de maiores do país que privatizou na última década” para engadir que “o señor Feijóo e os señores do PP actuaron de mala fe, sendo conscienes de que o modelo que estaban a impulsar podía ter estas consecuencias”. O número 3 pola Coruña tamén se referiu ao rebrote da Mariña “onde Feijóo volve a amosarse incapaz, deixando a responsabilidade nos concellos da comarca e asegurando que votar é seguro. O que acontece é que Feijóo está disposto a todo por manterse no poder, incluso colocarse por riba da saúde da cidadanía. Estamos vendidos nas mans dun trilero”.

Noriega contrapuxo os dous modelos aos que se pode votar o vindeiro 12 de xullo, un “modelo do PP que precarizou a sanidade na que moitos e moitas traballamos ou un modelo que defendemos os homes e mulleres do espazo de Galicia en Común, que coloque no centro ás persoas”.

Sobre a industria da cidade olívica se pronunciou a número 2 pola provincia de Pontevedra, Iria Figueroa, que lembraba “un debate no que o representante do PP nos chamaba déspotas ilustrados por querer intervir publicamente a industria” mentres lembraba que “ese mesmo PP é o que esnaquizou o naval, a automoción e o tecido produtivo de Vigo e de toda Galicia”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.