Gómez Reino: “Feijoo ten a obriga de gobernar Galicia e deixar de facer oposición”

O portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas sinala que o presidente da Xunta “non tiña plan de desescalada cando reclamaba ao Goberno competencias para executalo e tampouco o ten agora. Era todo propaganda”
Publicado por o día 11/05/2020 na sección de En Común Unidas Podemos,Política

Gómez Reino: “Feijoo ten a obriga de gobernar Galicia e deixar de facer oposición”

O portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, esixiu onte a Alberto Núñez Feijóo que exerza a súa responsabilidade como presidente da Xunta, e estableza as condicións da desescalada nos ámbitos e materias nas que a Administracion autonómica está facultada a exercer a súa capacidade lexislativa.

“Feijóo leva semanas reclamando a súa autonomía para asumir o deseño e a execución desas medidas. Pero non tiña plan de desescalada cando reclamaba ao Goberno as competencias para executalo nin e tampouco o ten agora. Era todo propaganda“, dixo.

Gómez Reino instou ao xefe do Executivo autonómico “a facilitar á vida das cidadás galegas” lexislando en asuntos como, entre outros, as franxas horarias para as saídas escalonadas, no caso de que se considere preciso adialas ou retrasalas; na conciliación das traballadoras con fillos ou dependentes a cargo, mentres os colexios, escolas infantís e centros de día seguen pechados; e establecendo un protocolo propio para deseñar a volta á actividade na xustiza.

“Nos case dos meses que levamos de emerxencia sanitaria a Xunta non ten adoptada nin unha soa medida efectiva para combater a epidemia nin para resolver os problemas económicos das familias afectadas pola crise. Feijóo nin sequera ten respostado ás forzas políticas que, como Galicia en Común-Anova Mareas, lle propuxemos debater un proxecto común de reconstrución do país baseado na defensa do público”, subliñou Gómez Reino.

“Iso é o que a sociedade galega lle reclama ao presidente da Xunta. Non que faga propaganda electoral a costa dunha traxedia cidadá deste calibre, senón que goberne, que xestione os recursos públicos e que lexisle en beneficio do interese común de todas as galegas”, concluíu.

Comentar noticia

Your email address will not be published.