Gómez Reino: “Galicia non se parece nada ás políticas de recortes, privatizacións e corrupción da Xunta de Feijóo”

Galicia en Común percorrerá preto de 25.000 km para “conquistar a confianza da cidadanía” e transformar o país a partir do 12 de xullo
Publicado por o día 22/06/2020 na sección de En Común Unidas Podemos,Política

Gómez Reino: “Galicia non se parece nada ás políticas de recortes, privatizacións e corrupción da Xunta de Feijóo”

O candidato á presidencia da Xunta, Antón Gómez Reino, acompañado da número 2 pola provincia da Coruña, Luca Chao e do número 1 por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, presentaron as caravanas electorais que percorrerán o país durante as vindeiras tres semanas.

Galicia en Común-Anova Mareas estará en cada pobo, vila e recuncho de Galicia tratando de conquistar a confianza da veciñanza, percorrendo preto de 25.000km ata o 10 de xullo. Antón Gómez Reino sinalou que a partir do 13 de xullo “vai haber cambio político no país porque Galicia é a clave para consolidar o ciclo de goberno progresista no Estado”.

Nesa liña engadiu que “as dúas caravanas electorais chegarán a cada barrio de Galicia para trasladar a proposta política de Galicia en Común e para convencer á xente progresista de que o cambio é posible e é necesario”.

O candidato explicou ademais que esta será “unha campaña pensada na cidadanía galega e por iso estarei cada noite conectado con referentes da política estatal e internacional cunha conexión en aberto na que calquera persona poida preguntar e participar”.

O voceiro da formación foi moi crítico coa apropiación feita onte por Feijóo que “teima en ocultar as siglas do PP ao mesmo tempo que asegura que el é Galicia” para engadir que “hai moita xente en Galicia que en absoluto se recoñece nos recortes, privatizacións e corrupción do Partido Popular senón que hai unha Galicia viva e de futuro que confía na defensa do público”.

Luca Chao chamou tamén á mobilización do voto progresista. A número dous pola Coruña dirixiuse á xente moza, menor de 30 anos que “tan só viviron 4 anos fóra dun goberno do Partido Popular. Se eles e elas confían en nós o vindeiro 12 de xullo poderemos construír un futuro en común que aposte pola ciencia e a xustiza social”. Nesa liña puxo como exemplo o traballo que se está a facer no goberno do Estado “da man de compañeiras como Yolanda Díaz, que demostra que unha saída distinta á crise é posible”.

Finalmente, Miguel Anxo Fernán Vello amosouse convencido de que “a partir do 13 de xullo haberá cambio político en Galicia e poidamos levar a cabo o noso programa social, económico e de reconstrución tan necesario para mellorar a vida das persoas menos favorecidas”. O cabeza de lista por Lugo asegurou “saír con moita forza e potencia persoal e colectiva” e pronosticou que “cada día que pasa Feijóo é máis pasado para Galicia”.

“É tempo dun Goberno que recupere o talento, dignifique a ciencia e se comprometa cun Pacto Galego pola Investigación”

O candidato á presidencia da Xunta, Antón Gómez Reino, acompañado da número dous pola provincia da Coruña, Luca Chao, mantiveron unha xuntanza coa Rede Galega pola Investigación (InvestiGAL), creada recentemente co obxectivo conformar un espazo unitario que aposte pola investigación en Galicia.

Na reunión denunciaron a precaria situación que sofre en Galicia o sector da investigación, reivindicando solucións a curto, medio e longo prazo. Dende InvestiGAL están a elaborar un documento titulado “Investigación: eixo estratéxico da Galicia do futuro” onde salientan que o investimento en I+D+I representa no país só o 0,94%.

Antón Gómez Reino trasladoulles o compromiso da coalición de “apostar de maneira decidida pola investigación, un sector que é capaz de devolverlle á sociedade cada euro que se inviste en I+D+I”.

Nesa liña lembrou outro dos problemas que sofre a investigación en Galicia como é “a precarización dos seus profesionais e a fuga de talento, con mozos e mozas que marchan do país porque o goberno de Feijóo non apostou por eles”. Por iso dende a coalición elaborarase un Plan de retención e retorno do talento investigador perdido na última década.

O candidato á presidencia da Xunta explicou as medidas que Galicia en Común-Anova Mareas incorporou ao seu programa electoral e entre as que se atopan a creación dun “Plan Galego de I+D+I 2020-2024, con máis dotación de recursos e en liña coa Estratexia de Especialización Intelixente da Comisión Europea que basea os seus principios na consecución do crecemento económico en base ao coñecemento”. Así, o compromiso pasa por investir, ao fin da lexislatura, o 2% do PIB galego no sector, moi preto da media dos países da Unión Europea.

Entre outros compromisos, dende Galicia en Común-Anova Mareas apostarase pola recuperación dos dereitos e das condicións laborais do persoal investigador co obxectivo de rematar coa precariedade e aumentar os cadros de persoal. Tamén se dotará ás universidades públicas galegas dun maior financiamento para que se convirtan “no motor do I+D+I en Galicia” establecendo prazos fixos para as convocatorias de investigación para que se garanta unha maior estabilidade na carreira investigadora.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.